O Partido Popular de Galicia pide ao Goberno de Pedro Sánchez “máis transparencia cos seus proxectos, menos mentiras cos prazos e a maior axilidade” en relación á autovía A-54, que une Santiago de Compostela e Lugo, para que “sexa unha realidade canto antes”.
Nunha visita a Melide, o deputado e portavoz de Infraestruturas do PPdeG no Parlamento galego, Roberto Rodríguez, acompañado da voceira local e exalcaldesa, Dalia García, trasladou esta petición, lamentando que o Goberno central veña amosando reiteradamente que os compromisos con Galicia en materia de infraestruturas non están entre as súas prioridades.
“Os veciños e veciñas de Melide e desta comarca levan moitos anos agardando por unha infraestrutura esencial, a autovía A-54, que o Goberno de Sánchez xa comprometera para o Xacobeo 2021-2022, pero remata este ano 2024 sen ser unha realidade e no ano 2025 tampouco o vai ser”, sinalou Rodríguez.
Nese sentido, emprazou ironicamente aos galegos a volver a incluír tamén esta vía na carta aos Reis Magos, “á que sempre teñen que recorrer os galegos e galegas cando se trata das súas infraestruturas”.
“UN TRÁFICO MOITO MAIOR DO RECOMENDABLE”
O último atraso da A-54 é o da apertura do tramo entre Melide e Palas de Rei, previsto nas últimas intencións do Goberno central para antes de que rematara o presente ano. Un tramo que, non obstante, e tal como denunciaron Roberto Rodríguez e Dalia García, non vai evitar o paso polos núcleos de Melide e tampouco de Arzúa, pola falta de previsión do Executivo de Sánchez.
Este foi un dos motivos da visita do deputado a este concello da provincia da Coruña, onde os seus veciños e veciñas temen polo “colapso” e pola “falta de seguridade viaria” que se vai producir en canto se abra o novo tramo, ao acumularse no centro da vila “un tráfico moito maior do recomendable”.
“Porque mentres non remate o seguinte último treito, ata Arzúa, o centro de Melide e a rotonda principal da N-547 neste concello van estar aínda máis colapsados do normal, con graves problemas para condutores e viandantes”, explicou.
“Avogamos para que esta infraestrutura, a A-54, fundamental para esta comarca, para a provincia de Lugo e para o resto de Galicia, sexa unha realidade canto antes. Todos desexamos poder viaxar de Santiago a Lugo e de Lugo a Santiago de forma rápida e segura”, concluíu Roberto Rodríguez.
Pola súa banda, desde o PP de Melide, Dalia García e o resto dos concelleiros piden ao alcalde, José Manuel Pérez, que “tamén sexa transparente”, non faga caso omiso ás peticións dos seus veciños e dea a cara ante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. “Necesitamos canto antes un plan de tráfico organizado porque se non, o noso concello seguirá colapsado”, lamentou a voceira local.