Santiago, 25 de maio de 2018. O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Pérez, defendeu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento a necesidade de que o Goberno central introduza modificacións lexislativas que eviten a tributación no imposto da renda aos agricultores galegos que realicen un cambio de titularidade da súa explotación a título gratuíto por motivos de xubilación ou cesión aos descendentes. Esta proposta será rexistrada polo Grupo Popular a través dunha proposición non de lei no Parlamento galego, logo de que os socialistas rexeitaran esta mañá un acordo para a súa aprobación, “coa única finalidade de dicir que o PPdeG non apoia aos agricultores galegos”.
José González explicou que a Axencia Estatal Tributaria (AEAT) está cobrando o IRPF nestes casos de cambio de titularidade xa que considera que se produce unha ganancia patrimonial respecto dos dereitos de pago único asociados á Política Agraria Común.
No debate celebrado esta mañá sobre unha proposición non de lei do Grupo Socialista, o portavoz popular explicou que a resolución proposta non resolve o problema de forma adecuada e imposibilita que desde a AEAT se lle puidera dar unha solución correcta”.
EXENCIÓNS TRIBUTARIAS
“A solución debería pasar pola non tributación, vía exención ou un mecanismo semellante, que permitise que non se gravase polo IRPF nos casos de cesión a título gratuíto dos dereitos de pago único cando se producen de pais a fillos ou descendentes en liña directa que continúan coa explotación; entre cónxuxes, por deixar de ter un deles a condición de agricultor profesional, continuando o outro na explotación; ou na aportación a unha sociedade ou comunidade de bens por cambio na figura xurídica da explotación”, concretou.
José González sinalou que “a única resposta que pode dar a AEAT á iniciativa socialista é que estes supostos terán que seguir tributando, polo que a solución para beneficiar aos agricultores galegos é aplicar unha exención ou outro beneficio fiscal para que, aínda que tecnicamente haxa unha ganancia patrimonial, esta non tribute”.
O portavoz popular anunciou que este grupo parlamentario rexistrara unha proposición non de lei que evite a tributación dos dereitos de pago único nestes casos, “recollendo a postura que xa defendeu o Presidente da Xunta nunha reunión que mantivo co ministro de Facenda.