Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Manuel Santos e Felisa Rodríguez solicitaron hoxe que o Goberno de España habilite de maneira urxente unha solución habitacional para as persoas migrantes que, tras ver denegadas as súas solicitudes de protección internacional, se ven obrigadas a abandonar o centro Cemar de Mondariz-Balneario sen ningunha alternativa.
Acompañados pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia Bello; e a portavoz municipal do PP en Mondariz-Balneario, Marisa Dominguez Alvarez, os deputados populares denunciaron “a absoluta falta de planificación e de responsabilidade do Goberno de Pedro Sánchez, que trasladou a 200 migrantes a Mondariz-Balneario sen coordinación coa Xunta nin cos concellos e que agora se desentende completamente da súa situación, deixando a estas persoas literalmente na rúa, sen recursos, sen fogar e en situación administrativa irregular”.
DENEGACIÓN DE ASILO
A situación destas persoas, procedentes maioritariamente de países como Senegal, Mali ou Mauritania, agravouse recentemente ao coñecerse que a moitas delas se lles notificou a denegación das súas solicitudes de asilo, quedando obrigadas a abandonar as instalacións do centro de acollida no que permanecían. A consecuencia directa é que estas persoas fican na actualidade sen fogar, sen acceso a recursos públicos, en situación administrativa irregular e sen posibilidade de inserción social ou laboral.
“A solidariedade non pode depender só da boa vontade dos concellos ou dos veciños, polo que o Goberno de España non pode lavarse as mans e abandonar ás persoas ás que el mesmo decidiu trasladar de xeito unilateral”, sinalou García Comesaña. Pola súa parte, Felisa Rodríguez destacou que o novo regulamento da Lei de Estranxeiría que entra en vigor este mes “imposibilita incluso a vía do arraigo como alternativa, condenando aos migrantes a anos de irregularidade e exclusión”.
Os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento galego dunha iniciativa a través da que se solicita ao Goberno central que informe á Xunta e aos concellos aos que se destinaron estes migrantes do número destas persoas que están a ter unha negativa da súa solicitude de asilo, ao tempo que se lle pide que active medidas que lles permitan acceder a recursos básicos de subsistencia mentres non se exploran alternativas legais de permanencia no país.
“Reiteramos o compromiso do Partido Popular cunha política migratoria humanitaria, coordinada e respectuosa cos dereitos das persoas”, sinalaron os deputados populares, quen lembraron que “Galicia non ten competencias en materia migratoria, polo que é o Estado quen debe asumir a súa responsabilidade”.