Os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular de Galicia piden ao PSdeG que “cese canto antes” no seu “caos” e nas súas “contradicións” en política municipal “polo ben dos concellos galegos e dos veciños e veciñas”.
Os populares galegos fan referencia ás declaracións que fixo esta semana o líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, en contraposición ás realizadas polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o tamén socialista Alberto Varela.
Despois de anunciar o luns a Xunta de Galicia que avanza na futura Lei de administración local, para dotar aos concellos dun novo marco xurídico adaptado ás súas necesidades, Besteiro saíu ao paso horas despois para sinalar que o seu partido «vai actuar política e xudicialmente».
En cambio, na mañá do martes, Alberto Varela desmarcouse desas declaracións e sinalou que desde a Fegamp van ser «construtivos” e “facer melloras”.
“Xa non nos sorprende nada de Besteiro e as súas saídas de ton. Unha actitude coa que non fai máis que seguir poñéndose en evidencia. Sen ler o anteproxecto xa o está criticando, evidenciando que non quere aportar nada, só cargar contra o Goberno galego con mentiras porque é incapaz de reclamarlle ao Executivo central que asuma dunha vez as súas competencias para abordar o financiamento local”, subliñan os alcaldes e alcaldesas populares.
CONTRADICIÓNS SOBRE O ACORDO DO SAF NO SEO DO PSdeG
Ademais, as contradicións no seo socialista en política municipal non quedan aí, xa que Besteiro tamén se pronunciou sobre o acordo acadado recentemente entre a Fegamp e a Xunta para incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), esencial para milleiros de familias galegas.
Neste caso, o líder do PSdeG anunciou «demandas xudicias» pola financiación do SAF e verteu duras críticas ao devandito acordo, mentres para Alberto Varela e a Fegamp, como certifica a sinatura do mesmo, tratouse dun importante paso adiante.
“Besteiro sentiuse intimidado polo ‘non a todo’ do BNG, que censurou o entendemento entre Fegamp e Xunta, e optou por ir en dirección contraria aos seus propios alcaldes, que si o avalaron. O que queda claro é que a súa voz non pinta nada no PSdeG e que cada vez está máis preto do independentismo galego, ao que lle fai seguidismo”, lamentan desde o PPdeG.
Neste sentido, os rexedores populares reiteran a súa petición ao socialismo de que “deixen traballar aos concellos” e, sobre todo, “atendan ás súas reivindicacións, tamén dos seus propios alcaldes”. “Besteiro leva moito tempo ausente e cando fala, como fai o BNG, só é para criticar, nunca para propoñer”, conclúen.