7 de febreiro de 2023. O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, considerou hoxe no Pleno do Parlamento “incrible que os socialistas veñan a pedirlle á Xunta incrementar a idade para acceder á gratuidade no transporte público da súa competencia, cando nos concellos onde gobernan non aplican a gratuidade aos menores de 21 anos no transporte urbano”.
Adrián Pardo manifestou que o Plan de Transporte Público de Galicia “trouxo tarifas máis baratas e múltiples posibilidades de acceder a descontos”, e explicou que “os maiores de 21 anos poden facer uso da tarxeta TMG, que tamén incorpora importantes bonificacións”. “De feito, o prezo é un dos aspectos mellor valorados polos usuarios nas enquisas de satisfacción que realiza a Xunta”, dixo.
“O Plan de Transporte de Galicia fixo posible que transiten autobuses interurbanos de competencia autonómica por todos os concellos de Galicia, permitindo que municipios polos que antes non pasaba ningunha liña de autobús regular poidan dispoñer agora deste servizo”, sinalou.
Deste xeito, Adrián Pardo pediu aos socialistas galegos que “se dirixan aos goberno das cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo para que apliquen no transporte urbano da súa competencia a gratuidade aos menores de 21 anos, como xa o está a facer a Xunta no transporte interurbano”.
Para rematar, criticou que “o Goberno de Pedro Sánchez, coa súa Lei de mobilidade sostible, deixa ao mundo rural sen servizo ferroviario e reduce e empobrece a prestación de servizos de transporte por estrada”. Así, apuntou que coa nova normativa estatal 23 municipios e 136.000 galegos quedarán sen parada de transporte por estrada estatal, e suprímense 76 servizos interiores, afectando a máis de 1.100 rutas.