Os representantes do PPdeG, á súa chegada á 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla, puxeron de exemplo hoxe a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Pedro Sánchez.
“Imos seguir demostrando que a Galicia que goberna é un exemplo para o resto de España”, sentenciou a secretaria xeral, Paula Prado, que encabeza a delegación de máis de medio cento de parlamentarios do PPdeG, “o partido galego maioritario no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.
Prado lembrou que o Partido Popular revalidou hai pouco máis dun ano a maioría absoluta, baixo o liderado de Alfonso Rueda, e hoxe Galicia “segue sendo un espello no que o Goberno central debería mirarse cada día”.
“Podemos mirarlle aos ollos aos galegos e ás galegas porque cumprimos co que se nos esixe. Este 2025, a nosa Comunidade suma xa 16 anos consecutivos cos Orzamentos aprobados en tempo e forma, e faino sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas; sendo un exemplo”, subliñou.
Non obstante, Prado lamentou que mentres Galicia cumpre cos galegos, “hai moito que o Goberno de Sánchez non cumpre con todos os españois”: “Vivimos nun país onde funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados é o normal e onde dar privilexios a algunhas comunidades autónomas é a forma de perpetuarse no poder, un país onde o presidente e os seus ministros están cercados pola corrupción e non teñen apoio dos seus socios, pero son incapaces de botarse a un lado”.
Por este motivo, a número dous do PPdeG sinalou que “é o momento de que Sánchez e os seus deixen de mirar cara ao independentismo e miren cara a comunidades como Galicia” e tamén é o momento de cumprir cos traspasos de competencias comprometidos, as transferencias de fondos europeos para proxectos estratéxicos ou as melloras en infraestruturas”.
E, se iso non é así, dixo, “debe deixar pasar a un gran presidente como vai ser Alberto Núñez Feijóo”, porque “el si vai saber representar, como dicimos no Partido Popular, a verdadeira política que serve, a mesma coa que Galicia xa goberna”.