Os deputados autonómicos, Carmen Pomar e Rubén Lorenzo, informaron da nova convocatoria de axudas, por importe de 3M€, para a mellora das instalacións, equipamentos e infraestruturas comunitarias.
Durante unha xuntanza con representantes de asociacións veciñais e comunidades de usuarios de augas na parroquia de Lema, en Carballo; explicaron que, ao abeiro desta liña de achegas, permítese financiar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións veciñais e de mulleres rurais. Así, citaron como exemplos a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora de accesibilidade; a renovación de cubertas, fachadas ou ventás; sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.
Asemade, apuntaron que, como novidade, este ano, terán prioridade aquelas comunidades de usuarios de augas, cuxas instalacións resultaron afectadas polos incendios forestais do verán de 2025, nas zonas declaradas en situación operativa 2.
Tal e como apuntou Rubén Lorenzo, as axudas poden acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros, para a realización de obras nos locais sociais de asociación de veciños e de mulleres rurais ou, tamén, para a instalación de traídas de auga; e de 5.000 euros, para a dotación de equipamento, como mobiliario, material informático ou audiovisual.
Tras recordar que o prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 19 de abril, salientaron a importancia destas achegas, por ir dirixidas aos colectivos máis próximos aos veciños e que son, precisamente, os que se encargan de canalizar as súas demandas. “Son unha ferramenta fundamental para apoiar o labor destas entidades, reforzar o tecido comunitario e mellorar a calidade de vida nos concellos da provincia”, indicou Carmen Pomar.