O PPdeG pon en valor o esforzo inversor do Goberno galego na renovación da frota do Servizo de Gardacostas. Así, destacou a incorporación de dúas novas patrulleiras e doce vehículos todoterreo pick up á súa frota, para o desempeño das labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo.
Os parlamentarios populares, Nazareth Cendán e Fernández Rosende, indicaron que, cun investimento de máis de 3 M€, o Goberno galego avanza no proceso de modernización da frota; que, iniciado en 2018, xa permitiu a renovación de arredor dunha vintena de unidades.
Asemade, fixeron fincapé nos máis de 18 M€, incluídos nos orzamentos da Xunta para este 2026, para reforzar, tal e como salientou Nazareth Cendán, “un servizo que é único en España e un referente en toda Europa”. “Con este apoio, garántense unhas prestacións de calidade do labor que o Servizo de Gardacostas realiza durante todos os día do ano”, engadiu Fernández Rosende.
Durante a súa visita ao porto de Oza, tamén puxeron en valor o encomiable labor que este servizo tamén realiza na protección da contorna mariña e na loita contra a contaminación.