O PPdeG puxo en valor, hoxe, o desenvolvemento económico e industrial da comarca do Deza, especialmente, de Lalín. “É referente para todos os concellos en todos os ámbitos do rural galego”, dixo Alberto Pazos.
Neste punto, o Portavoz do Grupo Popular no Parlamento incidiu no pulo do Goberno galego ao proxecto de ampliación da cuarta fase do Parque Empresarial de Lalín 2000. Na actualidade, este polígono, que conta con preto de 540.000 metros cadrados, xa non ten solo dispoñible para o asentamento de máis empresas, así é que, tal e como informou, con esta ampliación se incrementará a súa superficie en preto dun 60%.
Tal e como indicou Pazos, trátase dun proxecto estratéxico para o Deza, que contribuirá ao seu desenvolvemento económico, facilitando o asentamento de novas iniciativas empresariais e permitindo, no caso de que o precisaren, a ampliación das xa existentes. Deste xeito, este polígono afianzarase aínda máis como un polo de dinamización económica e industrial, no que, a día de hoxe, conta con preto de 100 empresas e máis de 1.200 traballadores.
Os parlamentarios populares elixiron Lalín para celebrar a reunión semanal de grupo, continuando, así, coa rolda de visitas que realizan polo territorio.
LALÍN, LECCIÓN DE XESTIÓN E BO FACER
Acompañado do alcalde, José Crespo, o portavoz popular salientou a “lección de xestión e bo facer” deste concello, grazas a que hai planificación e moito traballo: “José Crespo é un referente para este partido, e para calquera outro, que queira apostar polo futuro do rural en Galicia”. “Conseguiuse –engadiu- que non apareza nas noticias pola perda de peso, senón por todo o contrario, porque aquí hai proxecto”.