Alcaldes, concelleiros, deputados e senadores serán un punto de apoio máis que se engadirá ás oficinas específicas que vai crear a Xunta de Galicia para atender os prexudicados
O Partido Popular de Galicia pon aos seus membros á disposición dos afectados polos incendios forestais, principalmente dos que precisan unha axuda máis urxente neste momento, como son os veciños das zonas do Courel ou de Valdeorras.
A secretaria xeral, Paula Prado, levou a cabo dúas xornadas de traballo nas áreas máis afectadas. En primeiro lugar, no Courel, visitou Folgoso, onde mantivo unha reunión coa alcaldesa, Lola Castro, e visitou a aldea do Vilar, acompañada tamén das deputadas autonómicas Raquel Arias e Encarna Amigo, que coñecen de primeira man toda a contorna.
Noutra xornada, Prado desprazouse ata a comarca de Valdeorras, onde visitou os concellos de Rubiá e Carballeda. No primeiro, reuniuse co alcalde, Elías Rodríguez, e co deputado provincial e alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, e visitou A Veiga de Cascallá, unha zona na que as vivendas se viron moi afectadas. Mentres, en Carballeda, ela e a rexedora, María del Carmen González, conversaron cunha trintena de veciños prexudicados. Durante todo o día coa secretaria tamén se desprazou Carlos Gómez, deputado ourensán no Parlamento de Galicia.
Así, a secretaria xeral trasladou que alcaldes, concelleiros, deputados —autonómicos e nacionais— e senadores populares serán un punto de apoio máis que se engadirá ás oficinas específicas que vai crear a Xunta de Galicia para atender os prexudicados.
Tal e como anunciou esta semana o Goberno galego, estes puntos de atención se habilitarán nas sedes dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) das zonas afectadas co gallo de servir de impulso da actividade económica tras os incendios orixinados os días 14 e 15 de xullo.
Deste xeito, as persoas que sufrisen algún tipo de dano por mor destes lumes poderán acudir para que as axuden a tramitar as achegas de 9 millóns de euros convocadas por distintos departamentos da Xunta.
“Pola parte do Partido Popular de Galicia, trasladamos todo o noso apoio e nos poñemos á disposición dos afectados para que as subvencións se materialicen. Os cartos non só hai que prometelas, non só hai que dicir que van chegar, senón que tamén hai que poñelos no DOG, tal e como fixo a Xunta”, salientou Paula Prado.
As axudas, que serán compatibles con outras subvencións que poidan solicitar os afectados, pódense pedir desde o pasado 30 de xullo e permitirán facer fronte aos danos ocasionados en vivendas, propiedades, empresas e explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras.
PETICIÓN AO GOBERNO DE ESPAÑA
Por outra banda, Paula Prado lamentou que o Goberno central aínda non habilitase axudas para os afectados. “Polo momento, tal e como comprobamos en Valdeorras, as única pegadas que deixou Pedro Sánchez foron as dos seus once vehículos e un bo número de fotos, pero nada máis”, lamentou.
Así mesmo, a número dous dos populares galegos incidiu en que “o Goberno de España prometeu axudas, prometeu que ía atender as consecuencias destes incendios, pero aínda non hai nin unha soa medida posta enriba da mesa, nin unha soa medida aprobada no Consello de Ministros”, polo que lle pediu a Sánchez “un compromiso real coas persoas afectadas”.