Paula Prado visita xunto aos rexedores dos municipios prexudicados o tramo sen acabar da autovía Lugo-Santiago de Compostela e pide a inclusión desta infraestrutura nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, avanzou que o seu partido presentará unha moción para instar ao Goberno central a priorizar o remate da A-54 en cada un dos oito concellos afectados polo atraso no seu remate —Santiago, O Pino, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Monterroso, Guntín e Lugo—.
A número dous dos populares galegos visitou o tramo sen acabar da autovía Lugo-Santiago de Compostela xunto aos rexedores, voceiros e representantes do partido nos municipios prexudicados pola demora na execución das obras, acompañada tamén polo coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, e polo portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro.
Antes de reunirse nunha xuntanza de traballo celebrada en Arzúa, os populares denunciaron a parálise dunha infraestrutura que Prado definiu como “fundamental” para a Comunidade e para a que o Estado non ten data para rematala. “Galicia non merece este desprezo do Goberno de España”, resaltou a secretaria xeral, que pediu que esta autovía estea dentro das prioridades do Executivo central e reclamou a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023.
Segundo explicou, a parte da autovía que conecta Arzúa con Palas de Rei sofre unha “parálise absoluta”, afeando que o Executivo central desoíse a petición da Xunta de que estivese rematada para o Xacobeo 2021-2022, pois é unha alternativa á estrada nacional pola que transcorre o Camiño Francés e resulta clave para sacar o tráfico da Ruta Xacobea.
De feito, criticou que o compromiso adquirido pola ministra Raquel Sánchez no encontro mantido co presidente da Xunta en xaneiro tamén se vaia incumprir de novo, xa que todo indica que a autovía A-54 non vai estar rematada no ano 2023.
Así mesmo, sinalou que cada vez que o Executivo de Pedro Sánchez toma un decisión prodúcese un agravio para a Comunidade, incidindo nos graves prexuízos que isto provoca na Galicia do interior e nos concellos do rural. Nese senso, lembrou que hai só tres meses o Goberno central presentaba un mapa estatal das rutas de autobús que pretende deixar a máis de 136.000 sen parada e que, logo do colapso do viaduto de entrada e saída de Galicia pola A-6, o Executivo de Sánchez segue sen dar explicacións e só propón “parches”.
Ademais, Paula Prado tamén quixo felicitar ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, tralo debate celebrado onte no Senado: “Demostrou que hai un futuro diferente para España ao que propón Pedro Sánchez, un sen insultos e con propostas”. Pola contra, lamentou “a desconexión coa realidade e coa cidadanía como a que vivimos en Galicia” por culpa da mala xestión do Goberno central.