6 de febreiro de 2023. O Partido Popular de Galicia reclama a Pedro Sánchez que pida perdón pola dor “irreparable” que se lle está infrinxindo ás vítimas cada vez que un agresor sexual ve reducida a súa pena ou sae da cárcere como consecuencia da aplicación da Lei do só si é si.
Así o manifestou esta tarde a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acompañada do candidato do PP á alcaldía de Santiago, Borja Verea; durante a concentración que tivo lugar na capital galega para mostrar o seu rexeitamento á recente rebaixa de pena a un agresor sexual que violou a unha estudante na Universidade de Santiago.
“Non se pode consentir nin soportar o sufrimento que están padecendo as vítimas coas consecuencias desta lei que está producindo unha enchente de reducións de condenas a delincuentes sexuais”, asegurou Paula Prado antes de cifrar en máis de 400 o número de agresores sexuais que viron reducidas as súas penas en toda España. “Só en Galicia son máis de 30”, engadiu.
A número dous dos populares galegos recordou que “o Goberno non pode dicir que non estaba avisado de que isto pasaría”, xa que en febreiro de 2021 un informe do Consello Xeral do Poder Xudicial advertiu de que a aplicación desta lei ía producir unha redución das penas e así o avisou tamén o Partido Popular no Congreso.
“Pese a todas as advertencias, fixeron oídos xordos. Primeiro optaron pola negación e despois pola soberbia ao non rectificar e non querer modificar a lei”, criticou Paula Prado antes de facer referencia á reforma presentada hoxe. “Mentres non vexamos que esa reforma é unha realidade plasmada no BOE, seguiremos saíndo á rúa cada vez que se produza unha rebaixa de condena”, sinalou ao respecto.
A secretaria xeral do PPdeG recordou tamén que a súa formación rexistrou xa no mes de decembro unha proposición non de lei para volver ás penas anteriores á entrada en vigor da Lei só si é si, xa que consideran que é “a única forma de protexer ás mulleres”.
SOLIDARIEDADE POLA MULLER ASASINADA EN BAIONA
Paula Prado referiuse tamén ao caso de violencia de xénero coñecido esta mañá en Baiona e trasladou todo o seu apoio “a título persoal e en nome de todo o Partido Popular de Galicia” á familia e os amigos da vítima.
“Non podemos soportar máis mortes por violencia de xénero. As vítimas e todas as mulleres que sofren maltrato deben saber que non están soas, que estamos ao seu carón e que contan con recursos á súa disposición para ser atendidas”, afirmou.