Santiago, 8 de xuño de 2021.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, demandou hoxe no Pleno do Parlamento ao Goberno central “medidas urxentes que teñan un impacto inmediato na rebaixa da factura da luz”.
Neste sentido, acusou ao BNG de “vir aquí a lavarse as mans e tratar de ocultar a súa implicación na investidura de Pedro Sánchez, co Goberno máis centralista, máis lesivo para Galicia e que máis dano está facendo ás clases medias e humildes do noso país”.
Tellado concretou que a baixada do prezo da luz “non depende unicamente do IVE, que se debe equipar ao dos países da nosa contorna, porque hai moitas medidas responsables para reducir a factura eléctrica”, que se recollen na proposición non de lei do Grupo Popular que tamén se debaterá neste Pleno do Parlamento galego.
FERRAMENTAS PARA PRESIONAR
Na súa intervención, o viceportavoz popular criticou “o erro” cometido polo BNG ao apoiar a investidura de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno e lamentou que “xamais escoitei a ningún nacionalista galego arrepentirse e recoñecer o dano que supuxo para Galicia esta decisión”. “Hoxe mesmo, o BNG ten ferramentas para presionar ao PSOE, ameazando con derrubar os gobernos que comparten en deputacións e cidades”, sinalou.
Miguel Tellado afirmou que esta suba da electricidade “non é unha casualidade ou unha circunstancia conxuntural, xa que forma parte dun plan estruturado e calendarizado do Goberno de Pedro Sánchez”. Neste sentido, apuntou que “recóllese detalladamente no Plan de Recuperación presentado polos socialistas a Bruxelas”.
O viceportavoz popular sinalou que este incremento da factura eléctrica engádese á “suba dunha ducia de figuras tributarias realizadas ata o momento polo Goberno socialista: o IRPF e os impostos sobre o aforro; o IVE das bebidas azucradas; as primas de seguros; as exencións de dividendos e plusvalías; os impostos sobre residuos; os impostos sobre envases de plástico; o imposto sobre transaccións financeiras; e os impostos sobre determinados servizos dixitais”.
“Pero, ademais, esperan subir no futuro, como detallaron a Europa no documento enviado, as cotizacións máximas á Seguridade Social; as cotizacións dos autónomos; a supresión da dedución por tributación conxunta, da que se benefician 3,6 millóns de familias; ou o pago polo uso das estradas do Estado”, apuntou.