A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a voceira de Política Social do Grupo Popular no Parlamento, reuníronse na sede autonómica do partido en Santiago de Compostela con representantes da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga).
Unha reunión que tiña por obxecto recoller as inquedanzas e propostas de futuro da federación que engloba a 41 entidades de toda Galicia e que presta servizos a máis de 4.000 persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, de cara a materializalas en medidas efectivas e en iniciativas que se leven ao Parlamento galego e ás Cortes Xerais.
Desde o PPdeG, tanto Paula Prado como Raquel Arias trasladaron aos representantes de Fademga o seu agradecemento e recoñecemento polo labor que desenvolven e amosaron a súa aposta compartida por atopar un equilibrio entre os recursos orzamentarios e as necesidades deste colectivo.
Na reunión abordáronse algunhas medidas postas en marcha polo Goberno galego neste eido, como a recente aprobación do primeiro concerto social para a contratación de servizos de atención especializada a persoas con discapacidade. Unha aposta pola plena inclusión e a mellora da súa calidade de vida que se materializa tamén nos Orzamentos para 2024, que volven incrementar o apoio a atención á discapacidade con máis de 172 millóns de euros.