Santiago, 14 de decembro de 2017.- O Grupo Popular reiterou hoxe no Parlamento o seu apoio ás demandas do colectivo de mariñeiros Long Hope para que se lles recoñeza o dereito a percibir a pensión de xubilación ou a devolución dos impostos incorrectamente recadados.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou que “sempre que se trouxo este tema ao Parlamento galego contou co apoio do PPdeG”, xa que “consideramos que estes 8.000 mariñeiros galegos están sufrindo unha inxustiza a mans do Goberno de Noruega”.
“Nos preocupan todos os traballadores e todos os xubilados galegos que teñen dificultades”, sinalou o deputado popular, quen avogou por buscar solucións “sempre en base a fundamentos legais sólidos”.
Alberto Pazos destacou o traballo feito polos gobernos español e galego. Centrándose neste último, lembrou que “o Consello da Xunta aprobou no seu momento a sinatura dun convenio coa Asociación Long Hope, que esta non permitiu levar adiante”. Neste sentido, indicou que “se hai interese en retomar ese convenio, ten que ser a propia asociación a que o comunique”.