O Partido Popular de Galicia tende a man aos colexios de avogados para defender de xeito conxunto, tanto a nivel nacional como europeo, unha Xustiza na que os seus profesionais poidan desempeñar o seu labor con liberdade e independencia.
Así llo trasladaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o eurodeputado Adrián Vázquez e a coordinadora de Xustiza e Interior do partido, Rebeca Domínguez, ao presidente do Consello da Avogacía Galega e decano do Colexio da Avogacía de Santiago, Francisco Rabuñal, nunha reunión que mantiveron nos últimos días.
Adrián Vázquez, vicepresidente do Comité de Asuntos Constitucionais no Parlamento Europeo, manifestou a súa aposta por dar máis voz aos colexios e consellos da avogacía en Bruxelas na medida en que é alí onde se deciden cuestións que lles afectan como as directivas de harmonización da avogacía de oficio.
Esta nova directiva foi un dos asuntos abordados nesta reunión na que desde o PPdeG reiteraron o seu compromiso de defender que todos os representantes da Xustiza, desde os maxistrados ata os avogados, poidan traballar coa máxima independencia posible.