16 de novembro de 2022. O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo reiterou hoxe no Parlamento galego que “a Xunta defendeu, defende e defenderá sempre a non segregación da actividades de ferroaliaxes e a produción de enerxía, así como a actividade industrial nas plantas da empresa XEAL en Dumbría e Cee”.
“Seguimos convencidos e insistimos en que o mellor modo de protexer o emprego en XEAL é garantindo o cumprimento das condicións que imperan nas concesións de explotación das centrais hidroeléctricas, que vinculan estas ao mantemento da actividade industrial nas plantas de Cee e Dumbría”, apuntou.
Rubén Lorenzo manifestou que a Xunta actúa “aplicando a legalidade e velando polo interese público dunha concesión administrativa con plena transparencia para os traballadores e o comité de empresa”. Así, lembrou que a Xunta xa demostrou esta defensa do interese público e dos traballadores “coa denegación da segregación das actividades industrial e eléctrica pretendida pola empresa e esixindo as condicións impostas nas concesións hidráulicas conforme á lei”.
CON TODAS AS GARANTÍAS XURÍDICAS
Neste sentido, asegurou que “a modificación concesional proposta por XEAL, consistente nun incremento do caudal sobre a concesión de Santa Uxía, outorgarase, de ser o caso, con todas as garantías xurídicas e condicionarase á mesma limitación, cuxo fin último é a plena salvagarda da continuidade da actividade de ferroaliaxes”.
O deputado popular insistiu que “os riscos sobre a actividade industrial desta empresa están máis vencellados á evolución dos custos enerxéticos, xa que os prezos actuais da enerxía continúan minguando a súa competitividade”. En concreto, lembrou que o prezo final da enerxía para a industria electrointensiva en España multiplicouse por 5 desde 2020 e, segundo datos do propio sector, están a pagar pola electricidade 8 veces máis que en Francia.
MENTIRA DO PACTO POLA INDUSTRIA DO BNG
Para rematar, Rubén Lorenzo indicou que “o BNG demostra con este tipo de iniciativas que é mentira a súa oferta de pacto pola industria, porque non cree na iniciativa privada e desacreditan e perseguen a calquera empresa ou actividade económica que non comulgue coa súa ideoloxía”.
“Pero ollo, porque polo visto ultimamente, pode que non tardemos moito en ver a algún representante do BNG un día detrás da pancarta e ao seguinte visitando á Xerencia de XEAL”, alertou.