O PPdeG reivindicou hoxe no Parlamento Europeo a necesidade de facer política “desde o territorio e para o territorio” para garantir non só o futuro do sector primario galego, senón tamén o relevo xeracional no rural e a incorporación da mocidade a actividades como a agricultura ou a gandaría.
No marco do Congreso de Mozos Agricultores e Gandeiros celebrado hoxe na sede da Eurocámara en Bruxelas, o coordinador de Medio Rural dos populares galegos, Avelino Souto, quixo subliñar a importancia de abordar este tipo de cuestións precisamente no lugar “onde se toman as decisións máis importantes para os gandeiros e agricultores galegos”.
“Hai que poñer enriba da mesa cuestións como a redución da burocracia, os incentivos económicos para a mocidade que queira apostar polo rural ou as cláusulas espello para garantir unha competencia leal”, explicou ao tempo que incidía no fundamental de “facer políticas desde o territorio e para o territorio”.
Do contrario, engadiu, daríanse problemáticas como a da protección do lobo, na que “se decidiu protexer a esta especie só por dogmas ideolóxicos e a costa de afogar aos gandeiros” e cuxo resultado foi que “por non escoitar ao territorio acabaron incrementándose máis dun 70% os ataques de lobo en Galicia”.
Ao respecto desta cuestión, o eurodeputado galego Francisco Millán Mon celebrou o recente cambio no Convenio de Berna para reducir a protección do lobo de especie “estritamente protexida” a “protexida”. Considerou este avance –orixinado nunha resolución do Parlamento Europeo de 2022– unha medida “imprescindible para priorizar ao sector primario e mellorar o control das poboacións de lobo en España”.
“Insto ao Goberno de Sánchez a actuar na mesma liña que a Unión Europea e atender esta demanda histórica do sector primario”, subliñou destacando o grave impacto do lobo na gandaría galega, que en 2023 sufriu 1.600 ataques con case 3.000 reses perdidas e que neste 2024 xa suma máis de 3.300 reses mortas.
Neste sentido, o eurodeputado pontevedrés recordou que a Xunta de Galicia leva tempo reclamando esta medida e avogou por un equilibrio que permita protexer ao sector primario como á especie, garantindo unha convivencia adecuada.
Pola súa banda, Adrián Vázquez recalcou a importancia de investir no futuro do medio rural: “Os mozos son a sociedade do mañá, e é imprescindible que sintan que o campo é unha oportunidade real para desenvolver o seu proxecto de vida se queremos seguir enchendo a neveira”.
O eurodeputado lalinense expresou ademais a alegría que lle produciu dar a benvida en Bruxelas a un veciño do seu pobo como Avelino Souto: “Avelino é a proba de que o campo ten futuro. Necesitamos máis mozos que, como el e como todos os que hoxe viñeron a Bruxelas dende todos os recunchos de Europa, se comprometan coa profesionalización e modernización do campo e dos seus concellos”.
“O noso compromiso é que esta lexislatura europea sirva para facerlle a vida máis sinxela ao noso medio rural e iniciativas coma esta son vitais para que a voz do campo galego resoe en Europa”, concluíu.
Tanto Francisco Millán Mon como Adrián Vázquez destacaron así mesmo o papel clave de Galicia nos debates sobre a Política Agraria Común (PAC) e o futuro do sector agro-gandeiro. De feito, o encontro celebrado hoxe “subliña a importancia de escoitar as demandas do sector primario e defender os seus intereses”.
Reiteraron así o seu apoio ao sector primario galego e o seu compromiso de seguir traballando desde as institucións europeas para poñer en valor o papel esencial destes sectores na economía e na cohesión social y territorial de Galicia.