O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe a recentemente aprobada Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, impulsada pola Xunta, que permitirá asegurar a cobertura dos postos vacantes nos sete hospitais comarcais galegos.
A este respecto, o PPdeG presentará unha moción nos plenos municipais dos 63 concellos correspondentes a estes centros para solicitar que nas futuras ofertas públicas de emprego aprobadas a través da devandita lei se inclúan as prazas vacantes dos hospitais de Monforte, O Salnés, Valdeorras, Verín, Virxe da Xunqueira de Cee, A Mariña e Barbanza.
Así o anunciou esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee xunto ao candidato do PP á alcaldía deste concello, Jesús Picallo, e acompañados de voceiros e representantes comarcais.
Referíndose especificamente a este hospital, Prado puxo en valor que “os orzamentos da Xunta para 2023 consignan 450.000 € para este centro e vaise licitar a reforma das urxencias antes de que remate o ano por 1,1 M€”.
Consciente de que “este reforzo en tecnoloxía e infraestruturas non tería sentido se Galicia non actuase para reforzar os medios humanos”, a secretaria xeral dos populares galegos reivindicou a recentemente aprobada Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura que “permitirá convocar por concurso de méritos os postos vacantes neste hospital”.
Unha lei á que, tal e como recordou Paula Prado, tanto o BNG como o PSdeG votaron en contra no Parlamento de Galicia. De aí que pida a ambas formacións que “deixen de entorpecer as propostas do Partido Popular e vaian da man de iniciativas que só buscan que Galicia teña unha sanidade da que seguir presumindo”.
Xunto á provisión de prazas vacantes nos hospitais comarcais, a moción que as agrupacións locais do PP levarán aos plenos municipais centrarase tamén en “instar ao Goberno de España a cumprir as súas competencias e acometer a necesaria reforma para incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura no Sistema Nacional de Saúde”.
A secretaria xeral do PPdeG reprochou neste sentido ao Goberno central que estea “máis preocupado por lexislar a favor dos independentistas, por eliminar o delito de sedición e por modificar o delito de malversación que en paliar a falta de médicos que temos en toda España”. Incidindo en que este problema “nin é do presidente Rueda, nin da presidenta Ayuso, senón de toda as comunidades autónomas”.
JESÚS PICALLO: “PRESÉNTOME PARA QUE CEE VOLVA SER UNHA REFERENCIA”
Paula Prado estivo acompañada polo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e polo candidato do PP á alcaldía de Cee. Jesús Picallo aproveitou a ocasión para lamentar que este concello “perdera o tren durante os últimos anos”.
Por iso reivindicou que o seu obxectivo é que Cee “volva ser a referencia comarcal, industrial e sanitaria que sempre foi e nunca debeu deixar de ser”. Unha idea na que coincidiu coa secretaria xeral do PPdeG, que non dubidou en afirmar que Jesús Picallo é o candidato que “conseguirá que Cee recupere o brillo e o esplendor que merece e que nunca debeu perder”