Os representantes do Partido Popular de Galicia aproveitaron a súa presenza no Congreso do PP Europeo en Valencia para poñer de manifesto os lazos que unen Europa e Galicia a través dos “intereses comúns” que comparten no eido da vivenda, o sector primario, a pesca ou a competitividade industrial.
Así o quixeron destacar os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nun Congreso, celebrado entre onte e hoxe, no que os representantes galegos trasladaron que “Galicia, ao igual que Europa, quere máis competitividade, máis defensa e un sector primario máis forte”.
“Este Congreso é importante para Galicia porque ratificamos que os intereses dos galegos coinciden cos de Europa”, explicou Millán Mon na mesma liña que o seu compañeiro Adrián Vázquez, que ten claro que entre os temas a tratar neste cumio están “non só os temas que importan a Europa e a España, senón tamén os temas que importan a Galicia”.
O eurodeputado lalinense aproveitou ademais para recordar a “aplastante” vitoria protagonizada polo Partido Popular en Galicia nas pasadas eleccións europeas. Unha vitoria grazas á cal, na súa opinión, “os intereses dos galegos son tamén defendidos na capital de Europa”.
Millán Mon tamén lembrou estes comicios e especialmente a súa campaña electoral, na que “Galicia se converteu por uns días no corazón de Europa” grazas á presenza da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na tradicional Romaría do Pino xunto ao presidentes Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
O pontevedrés apuntou que tamén tivo un papel destacado nesta campaña a eurodeputada española, Dolors Montserrat, que neste Congreso será designada nova secretaria xeral do PP Europeo e que con motivo das eleccións europeas tivo a oportunidade de visitar Lugo, Ponteareas, Santiago de Compostela ou O Pino. De aí que celebre a elección como número dous dos populares europeos de alguén que “coñece ben Galicia”.
Por último, os representantes galegos en Valencia, encabezados por Paula Prado, subliñaron a importancia de que todo volva á normalidade en Galicia despois da caída do sistema eléctrico, unha emerxencia que seguiron con atención, en contacto en todo momento coa Comunidade.