Paula Prado e Román Rodríguez visitan coa Comisión de Educación, presidida por Ovidio Rodeiro, o novo Centro de Innovación Educativa e Dixital
“Somos maioría os que cremos nunha educación de calidade que garanta a igualdade de oportunidades para todas as persoas”, afirmou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que puxo en valor o compromiso da formación e da Xunta de Galicia coa educación pública galega, tal e como demostran os Orzamentos autonómicos para 2023.
Desta forma se expresaba durante a súa visita esta semana ás instalacións do novo Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix), no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, acompañada por Román Rodríguez e pola Comisión de Educación, presidida por Ovidio Rodeiro. Alí, os populares lembraron que as contas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para 2023 ascenden a 2.895 millóns de euros, o orzamento máis alto da historia cun crecemento do 5,2% con respecto aos do presente ano.
Nese senso, os populares subliñaron que os presupostos da Xunta consolidan e reforzan liñas de actuación cunha perspectiva social. Así, destacaron o aumento das axudas de apoio ás familias para material escolar, que sube de 5,5 a 10 millóns de euros; o incremento dos gastos de funcionamento que reciben os centros, que medran un 7,5% para facer fronte á suba da factura enerxética; ou os 2 millóns de euros —un 40% de crecemento— de axudas para a aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Ademais, fixeron fincapé no impulso da Xunta á Formación Profesional, que disporá dun orzamento de 19,4 millóns de euros, o que supón un 52% de crecemento. “Desenvolvemos moitos programas de innovación, inclusión e tamén de potenciación da FP, diferentes accións encamiñadas a lograr grandes resultados educativos”, explicou Román Rodríguez.
Tras salientar os bos datos das Comunidades Autónomas gobernadas polo PP en variables que miden a calidade, a equidade e a igualdade de oportunidades no sistema educativo, Rodríguez remarcou a vontade clara dos populares de seguir apostando pola educación, “a principal ferramenta que nos prepara para o futuro”.
Despois da visita, a Comisión de Educación celebrou unha reunión na sede autonómica do partido. Como resaltou Prado, este foro, composto por mulleres e homes do mundo da educación e da innovación, busca ser un laboratorio de ideas “onde nutrirse das propostas máis vangardistas e continuar tendo a mellor educación de toda España”.
O CIEDix, UN PUNTO DE INFLEXIÓN PARA A EDUCACIÓN
Antes da súa xuntanza na sede autonómica do partido, os populares recalcaron na súa visita ao novo Centro de Innovación Educativa e Dixital, en Santiago de Compostela, que este será un punto de inflexión para a educación galega, indo un paso por diante no cambio metodolóxico e no emprego de novos recursos didácticos para reforzar a posición de Galicia á vangarda do ensino.
Enmarcado na Estratexia de Educación Dixital 2030, funcionará como lugar de referencia para toda a comunidade escolar e catalizador das novas tendencias. Así, coa activación deste centro, “Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca”, manifestaron os populares.