7 de febreiro de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, explicou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a política industrial do BNG “consiste en encabezar calquera manifestación que pida o peche dunha empresa, para despois encabezar a manifestación esixindo solucións para os traballadores da empresa que queren pechar”.
“Vostedes veñen a esixir ao Parlamento un plan de choque contra unha situación de crise que o Presidente Pedro Sánchez, ao que vostedes votaron, nega”, sinalou Alberto Pazos. Neste sentido, lamentou que España é o último país da Unión Europea en recuperar o PIB prepandemia, é líder europeo en desemprego, ten o récord histórico de débeda pública e 13 millóns de españois están en risco de pobreza. Fronte a esta situación, salientou que “Galicia xa recuperou o PIB prepandemia, a taxa de paro é inferior á media nacional, é a comunidade autónoma que menos incrementou a súa débeda e a taxa de pobreza leva 13 anos por baixo da media nacional”. “É difícil soster que en España todo está baixo control e que Galicia, con mellores datos, está sumida no caos”, apuntou.
SORTEAR MELLOR OS EFECTOS DA PANDEMIA
O viceportavoz popular recoñeceu que “Galicia non é allea aos efectos económicos da pandemia ou da invasión de Ucraína, pero, sen dúbida, estaos sorteando mellor que a maioría”. Así, concretou que a Comunidade galega “presenta mellores datos de emprego e produción industrial que a media de España, batendo o pasado ano o récord histórico de exportacións”.
Alberto Pazos lembrou que “a Galicia constitucional ten amosado unha enorme capacidade para superar as dificultades e para saír reforzada de todos e cada un dos momentos difíciles que nos tocou vivir”. E mostra disto é que “nos últimos 22 anos ningunha comunidade autónoma medrou máis que Galicia, cuadriplicamos o crecemento medio do conxunto de España e, ademais, ese crecemento recae fundamentalmente nas clases medias”.