Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero, Miguel Ángel Viso, José Luís Ferro e Víctor Baladrón, xunto aos concelleiros do PP Manuel Rodriguez e Lorena Pérez, mantiveron esta mañá un encontro con gandeiros de Montederramo para coñecer as súas necesidades logo da vaga de lumes que sufriu esta zona durante o verán, trasladar e prestar apoio para solicitar as axudas dispostas pola Xunta para avanzar na reparación dos danos, poñendo en valor a creación de pasteiros para a recuperación das zonas queimadas.
Cristina Campero, Miguel Ángel Viso, José Luís Ferro e Víctor Baladrón visitaron diversas explotacións gandeiras deste concello ourensán co obxectivo de coñecer de primeira man os danos ocasionados polos recentes incendios forestais e trasladar aos profesionais do sector o respaldo das institucións.
En concreto, destacaron o esforzo e axilidade da Xunta á hora de activar con rapidez medidas de apoio ao rural. Mostra disto é que a Consellería do Medio Rural xa atendeu a máis de 750 persoas afectadas polos lumes e tramitou ata o momento preto de 150 axudas directas que se beneficiaron das oito liñas de apoio destinadas a agricultores, gandeiros e titulares de montes, que cobren ata o 100 por cento do investimento necesario para recuperar infraestruturas, maquinaria, alimentación do gando ou producións perdidas.
PASTOS DE CALIDADE
Os deputados subliñaron tamén a importancia das accións complementarias, como o impulso aos pasteiros, nos que a Xunta investirá 4 millóns de euros este ano. Trátase dunha ferramenta clave para mellorar a dispoñibilidade de pastos de calidade para o gando, favorecer a recuperación de zonas queimadas e, ao mesmo tempo, contribuír á prevención de futuros incendios ao crear áreas de descontinuidade vexetal.
Segundo explicou Cristina Campero, “é fundamental que os nosos gandeiros saiban que non están sos, que hai un compromiso real e efectivo para que as axudas cheguen canto antes e para dotar ao rural das infraestruturas que precisa para seguir producindo con garantías”. Pola súa banda, Miguel Ángel Viso destacou que “os pasteiros son unha aposta estratéxica, porque melloran a base alimentaria do gando e ao mesmo tempo actúan como cortalumes naturais”.
Finalmente, Marco José Carballal puxo en valor “a capacidade de resposta da Xunta, que está a actuar con axilidade e con medidas realistas, pensadas desde o territorio e para o territorio”.