Santiago, 4 de abril de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, rexeitou esta mañá no Parlamento a solicitude de En Marea de “reabrir os manicomios, nin con ese nome nin con ningún outro, porque a comunidade científica está en contra disto e porque as persoas afectadas de enfermidade mental merecen e deben estar integradas na sociedade”.
Núñez Centeno lembrou que a Consellería de Sanidade “leva meses traballando cun grupo de expertos na elaboración do Plan de prevención do suicidio de Galicia, consensuando liñas e medidas estratéxicas e con propostas de traballo para a elaboración dos procesos asistenciais e as accións de coordinación necesarias para a súa implantación”.
“Tenden a falar con colectivos reducidos ou moi específicos e perden a visión de conxunto do problema do suicidio, como acontece con moitos outros dos asuntos que debatemos neste Parlamento”, criticou o portavoz popular ás afirmacións da deputada de En Marea Eva Solla.
Aurelio Núñez concretou que o Plan estratéxico galego de saúde mental 2017-2020 “é un compromiso electoral do PPdeG co obxectivo de preservar e mellorar a saúde mental de todos os galegos”. “O Goberno galego vai continuar co desenvolvemento deste plan, sen presa pero sen pausa, contando coa colaboración dos profesionais da Consellería de Sanidade, xunto cos de outras administracións e con asociacións de pacientes”, indicou.
SITUACIÓN ACTUAL
Na súa intervención, o portavoz de Sanidade explicou que a unidade de hospitalización Infanto-Xuvenil do Hospital de Santiago “está axeitadamente dotada de persoal e recursos para as necesidades actuais”, e apuntou que a unidade de hospitalización para o sur de Galicia atópase en fase de consulta cos distintos colectivos e profesionais para valorar a súa localización e os recursos precisos para o seu funcionamento.
Ademais, Galicia conta con oito dispositivos ambulatorios de atención á saúde mental infanto-xuvenil, integrados na rede do SERGAS, estando previsto que en breve se incorpore o da área sanitaria de Ferrol.
Núñez Centeno rematou aceptando a necesidade de que os enfermeiros especialistas en saúde mental se incorporen ao sistema de saúde, “pero sempre respectando os dereitos dos profesionais que agora mesmo traballan nos distintos servizos de saúde mental en Galicia e que están en trámite de acreditación da súa especialidade”.