Santiago, 23 de maio de 2018. O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, rexeitou hoxe “asociar o galego a unha formación política concreta, porque deste xeito estaríamos ligando o futuro da nosa lingua ao desa formación”. “Nós defendemos que a lingua é un ben e un patrimonio de todos, e ninguén debe intentar apropiarse dela”, concretou.
César Fernández manifestou en concreto que “a actitude do BNG respecto do idioma galego ten provocado perda de falantes en Galicia, do mesmo xeito que o apoio dos galegos a esta formación política foi minguando elección tras elección”.
POLÍTICA LINGÜÍSTICA AVALADA POLA SOCIEDADE
Porén, asegurou que “a política lingüística que está a desenvolver o actual Goberno galego está avalada pola sociedade galega, fundamentada en defender que o galego é útil pero sen impoñelo”. “Os cidadáns entenderon no pasado e entenden no presente que a defensa do galego non a exerce ningún partido político, senón o conxunto da sociedade galega día a día”, indicou.
“A política lingüística da Xunta seguirá afondando na idea de que a lingua galega é útil en calquera ámbito e para todas as funcións, creando actitudes positivas cara a lingua propia de Galicia e renovando o compromiso de ampliación dos usos do galego na sociedade”, manifestou.