Santiago, 6 de xuño de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que “o compromiso do Goberno galego e do PPdeG co gasto social está fóra de toda dúbida”, polo que considerou innecesario modificar os orzamentos para incrementar o gasto neste ámbito xa que a propia lei considera estas partidas como ampliables en función das necesidades dos beneficiarios.
Pedro Puy manifestou que para aumentar o límite de endebedamento do 0,5 ao 0,6 por cento como propuxo o Grupo Socialista nunha proposición de lei “non é preciso modificar a Lei de orzamentos xerais, xa que a propia norma recolle a posibilidade dunha revisión automática da posición neta debedora”.
PARTIDAS APLIABLES
Neste sentido, lembrou que os socialistas propoñen destinar este incremento a partidas sociais como o pagamento da renda de inserción social ou as prestacións familiares por fillos menores de tres anos, “cando estas dúas partidas xa son ampliables e poderán ser financiadas, entre outras medidas, con endebedamento dentro dos límites autorizados”. O portavoz popular tamén explicou que a proposta do PSdeG “introduce algo incoherente, xa que ao incrementar o dereito á prestación familiar por coidado de nenos ata os 6 anos crearíase unha discriminación sobre as persoas que teñen que facer declaración da renda e poden acollerse á dedución fiscal que contempla a idade ata os tres anos”.
Puy salientou o incremento das partidas destinadas á Risga nos últimos anos, pasando de 22,8 millóns en 2009 a 57,5 millóns en 2017, “asumindo o compromiso de que todas as persoas que cumpran os requisitos poidan percibir esta renda nun prazo máximo de dous meses”. Neste sentido, apuntou que o tempo medio total de resolución dos expedientes pasou de 119 días en 2015 a 67 días en 2016.
REDUCIÓN DO DÉFICIT
Na súa intervención, Pedro Puy tamén se referiu á débeda da Comunidade galega, salientando que “temos seis puntos menos de déficit desde o ano 2010, ao tempo que Galicia foi a autonomía do menor incremento do endebedamento neste período”.
“Segundo os últimos estudos, a economía galega está medrado ao 3,6 por cento e está xerando emprego a unha taxa anual do 10 por cento”, subliñou Puy, quen considerou innecesario “incrementar o endebedamento para gasto corrente social, porque o gasto social xa é unha prioridade do actual Goberno galego”.