A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez e o alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, visitaron hoxe o centro de alfarería Alto do Couso co obxectivo de poñer en valor o apoio da Xunta de Galicia á remuda xeracional nos oficios artesáns e destacar o momento de recoñecemento que vive a artesanía galega a nivel estatal.
Durante a visita, Noelia Pérez lembrou que nos orzamentos da Xunta existe unha partida económica específica destinada a axudar á formación de aprendices de oficios artesáns, unha medida clave para garantir o futuro dun sector no que a transmisión do coñecemento é fundamentalmente práctica. Estas axudas permiten cubrir o custo salarial das persoas aprendices durante 12 meses, así como unha achega específica para o módulo formativo.
“A remuda xeracional é un dos grandes retos que temos como sociedade, e especialmente nos oficios artesáns, onde o saber facer se transmite de persoa a persoa. Se non apoiamos hoxe a aprendizaxe, mañá perderemos patrimonio, emprego e identidade”, sinalou a deputada popular.
APOIO DA XUNTA DE GALICIA
Neste sentido, Noelia Pérez destacou que desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración existen diferentes mecanismos de apoio, como as axudas á remuda xeracional, que poden acadar ata 30.000 euros, ou o acompañamento que ofrecen os Polos de Emprendemento. No ámbito específico da artesanía, estas novas axudas supoñen un paso máis, ao cubrir o importe íntegro da contratación dos aprendices e apoiar tamén a formación asociada.
Como obxectivo complementario da visita, a deputada popular quixo tamén poñer en valor a presenza destacada de Galicia na gala dos Premios Nacionais de Artesanía celebrada o pasado mércores, na que dous dos cinco galardóns recaeron en proxectos galegos. Aitor Martínez, de Tomiño, foi recoñecido na categoría de produto; mentres que a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi premiada pola iniciativa Artesanía no Prato como mellor iniciativa dunha entidade pública. Ademais, a artesá galega Sandra Vilas resultou finalista na categoría de emprendemento.
“Falamos dun sector vivo, con preto de 800 artesáns e artesás integrados na Fundación Artesanía de Galicia ou que se están formando na FP de Artesanía , e iso demostra que tradición, innovación e emprego poden ir da man cando hai apoio institucional”, concluíu Noelia Pérez.