Santiago, 25 de febreiro de 2021.- O deputado popular Alberto Pazos salientou o compromiso da Xunta coa conciliación, á que nos Orzamentos de 2021 destina 22 millóns de euros, “unha aposta rigorosa e seria”.
Así se expresaba durante a celebración da Comisión 5ª no Parlamento celebrada esta mañá, onde resaltou que os populares comparten a preocupación pola situación que motivou a iniciativa presentada polo BNG sobre as medidas para garantir a atención das persoas dependetes e/ou con discapacitados ao cargo de familias monoparentais na caso de positivos ou corentena pola COVID-19. Malia isto, explicou que o que non comparten é a abordaxe no plantexamento que fan os nacionalistas, que atenden máis á tipoloxía de familia afectada que ás circunstancias que motivan as necesidades de conciliación, “e sería inxusto discriminar desta maneira”.
Durante a súa intervención, tamén se referiu ao acordo ao que todos os grupos chegaron na Cámara galega e que establecía que a Xunta arbitraría axudas para a conciliación por cuestións relacionadas coa COVID, ben por contaxio ou ben por corentenas preventivas, se o Goberno incumpría o seu compromiso de establecer unha baixa laboral remunerada para situacións de corentena. “Todos coincidíamos en que esa era a solución ideal para un problema que están sufrindo moitas familias pero lamentamos que o PSdeG xa asuma que este compromiso non se vai cumprir”, dixo.
Sobre isto, Pazos criticou a actitude do Executivo de Pedro Sánchez, que fai constantes promesas para “quedar ben” pero logo agarda que sexan as Comunidades as que paguen os seus incumprimentos, tal e como pretende facer coas peaxes da AP-9 ou co Ingreso Mínimo Vital. Así mesmo, ironizou con que a única medida de conciliación que se coñece por parte da Administración central é a da contratación de asesoras do Goberno “para facer de nannies”.
UNHA RESPOSTA RÁPIDA E EFECTIVA
Ademais, sobre o caso concreto acontecido en Narón no que unha nai denunciou que o seu fillo discapacitado quedara sen asistencia persoal logo de que o auxiliar asignado tivese que cumprir corentena, aclarou que a Xunta comezou a traballar para dar unha solución desde o mesmo día en que tivo coñecemento da situación, mediando coa asociación que prestaba o servizo e resolvendo o problema en 24 horas.
Cómpre salientar que Galicia está á vangarda sendo a Comunidade que máis aposta polos asistentes persoais, unha labor fundamental no apoio de persoas que, con esta axuda, poden desenvolver as súas capacidades sociolaborais de maneira moito máis perfeccionada.