As deputadas do Grupo Popular María Deza e Loli Hermelo salientaron hoxe a colaboración da Xunta de Galicia para a implantación nos concellos galegos de transporte público durante os meses de verán, un servizo que o Concello de Sanxenxo volverá a implantar este ano pero que no Concello de Cangas non se levará adiante, a pesar da demanda veciñal existente, pola negativa dos responsables municipais a solicitalo.
Nunha xuntanza celebrada coa Asociación de Veciños de Nerga en Cangas, María Deza explicou que estes servizos “permitiron reducir o uso do vehículo privado e fomentar o transporte público, a favor dunha mobilidade sostible”. En concreto, as persoas usuarias destas liñas de transporte “se poden beneficiar dos descontos e as vantaxes da tarxeta de mobilidade de Galicia, do mesmo xeito que os menores de 21 anos poden facer ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa tarxeta Xente Nova”.
“Será o segundo ano consecutivo co que o Concello de Sanxenxo conta con este servizo, co que conectamos diversos puntos do municipio entre sí e cos servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral, reducindo de forma considerable a conxestión viaria que existía con anterioridade”, dixo a deputada popular.
DESINTERESE EN CANGAS
Pola súa banda, Loli Hermelo criticou que o Concello de Cangas “non se sume a esta iniciativa da Xunta de Galicia polo desinterese dos responsables municipais, a pesar de que melloraría as posibilidades de transporte dos veciños e de todos os que nos visitan, ao tempo que reduciría considerablemente os problemas de tráfico existentes sobre todo na época veraniega”.
“En concreto, existen varias parroquias que están a demandar de xeito reiterado contar cun transporte público cunha frecuencia axeitada, pero o Concello fai oídos xordos a esta solicitude e poñendo como escusa que é a Xunta a que ten que levar a cabo todas as accións de transporte”, lamentou a deputada popular.