Santiago, 21 de marzo de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou hoxe que a Xunta “xa ten en marcha unha estratexia a curto, medio e longo prazo para a mellora das infraestruturas viarias entre Ferrol e Ribadeo, coordinada e falada cos concellos e a cidadanía”. Neste sentido, criticou que a iniciativa defendida polos socialistas hoxe no Parlamento “vai en contra das peticións dos propios concellos, incluso os que gobernan vostedes”.
Martín Fernández salientou “a importancia e transcendencia para o norte de Galicia da vía de altas prestacións da Costa Norte, que xunto coa A-74, e na relación co interior coa autovía A-8 (autovía do Cantábrico) e a AG-64 (Ferrol-Vilalba), articularán todo o territorio norte de Galicia, dende Ferrol ata Ribadeo”.
CO RESTO DE ADMINISTRACIÓNS E CIDADANÍA
Neste momento, indicou que esta vía de altas prestacións conta con dous tramos, de algo máis de 16 quilómetros, en servizo: a variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao. “Para seguir avanzando e acadar o obxectivo común de vertebrar mellor o norte de Galicia cunha infraestrutura viaria competitiva, é necesario desenvolver unha estratexia global, realista, dialogada, compartida e corresponsable co resto de administracións e coa cidadanía, que solvente as evidentes dificultades sociais, técnicas e económicas que ten e que lastraron o seu desenvolvemento”, sinalou.
O portavoz popular subliñou “a aposta firme e clara da Xunta por avanzar nesta vía de altas prestacións”, e mostra disto foi o encontro de traballo celebrado pola conselleira de Infraestruturas cos alcaldes das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña na que explicou os pasos que está a dar o Goberno galego para mellorar a comunicación e as estradas do norte das provincias de A Coruña e de Lugo.
NOVA PONTE
Martín Fernández indicou que a Xunta “ten avaliado a posibilidade de construír unha nova ponte sobre a ría de Viveiro como a solución máis viable e máis eficiente, a que presenta menos afeccións ambientais, reduce o impacto sobre o territorio e sobre as persoas, e presenta unha maior viabilidade técnica e económica”.
Neste sentido, lamentou que “as divisións internas dos socialistas galegos non lles permita compartir os criterios da súa alcaldesa de Viveiro, que ten feito un chamamento á responsabilidade e a actuar non por criterios políticos, senón con altura de miras e primando os intereses dos cidadáns”.
Ademais destas actuacións, a Xunta está a traballar noutras obras de mellora da mobilidade dos veciños destas comarcas, como a estrada do Porto de Bares, a adaptación da estrada de Valdoviño a Cedeira ou a mellora da capacidade e seguridade da estrada AC-862, que une a autovía de Ferrol-Vilalba e Ortigueira.