Santiago, 4 de abril de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, salientou hoxe no Parlamento o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia na loita contra as pragas do castiñeiro, “que este ano se traduce no investimento de 680.000 euros e a solta controlada de 133.000 insectos inimigos naturais da avespiña”.
González Vázquez lembrou que a Consellería do Medio Rural “traballa para protexer a produción de castañas dos soutos galegos mediante medidas de sanidade vexetal, especialmente orientadas á loita contra a avespa e o cancro do castiñeiro”.
DETECTADA EN 2014 EN GALICIA
En concreto, sinalou que a Administración galega traballa desde o ano 2003 mediante a inoculación de 90.000 cepas hipovirulentas co obxectivo de controlar o cancro do castiñeiro.
No que respecta á avespa do castiñeiro, explicou que se trata dun insecto orixinario de China que se foi estendendo de xeito progresivo por todo o mundo. En España está presente desde o 2012 e en Galicia detectouse en 2014.
“Desde ese mesmo momento comezouse a facer un seguimento da evolución desta praga e valorar os tratamentos biolóxicos a utilizar na loita contra a mesma, levando a cabo ensaios para a implantación dun programa de loita biolóxica mediante a solta do insecto parasitoide Torymus Sinensis, tamén orixinario de China e considerado o inimigo natural da avispiña”, sinalou.
SOLTA CONTROLADA DE INSECTOS
Deste xeito, en 2015 fixéronse soltas localizadas deste insecto e en 2016, logo de ter constatado que non era perigoso para a fauna autóctona, procedeuse á solta de 66.500 exemplares, nun proceso tutelado polo Laboratorio Fitopatolóxico do Areeiro. “De cara a 2017 solicitouse un aumento de zonas de solta e un incremento do número de individuos ata os 133.000, dos que 84.000 serán femias e 49.000 machos”, engadiu.
“A principal liña de combate a curto prazo céntrase nesta loita biolóxica, se ben de cara ó futuro xa se está a traballar na identificación de variedades autóctonas que poidan presentar resistencias á praga”, dixo José González.