Santiago, 26 de setembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique salientou hoxe “o consenso co que chega ao Parlamento galego o proxecto de Lei de Portos de Galicia, logo de que a consellería recollera as aportacións de organismos como Costas do Estado, Portos do Estado, o Instituto de Estudo do Territorio, e os concellos galegos”.
Ademais, avanzou que “desde o Grupo Popular estamos abertos a estudar todas as propostas que se nos fagan durante a tramitación parlamentaria deste novo texto lexislativo, co obxectivo de aprobar unha norma que defenda a identidade propia dos nosos portos e a especificidade das súas características”.
Teresa Egerique criticou que desde os grupos da oposición “xa iniciaran a súa campaña contra o proxecto de Lei de portos, do mesmo xeito que o fan contra todo o que se propón desde o Goberno galego ou desde o PPdeG, sen ter presente que este texto lexislativo xa chega ao Parlamento co respaldo por institucións do Estado, autonómicas e locais”.
“O texto rexistrado no Parlamento conta co consenso da comunidade portuaria, de maneira que resulta o máis representativa posible das súas demandas e necesidades; así como cos informes de Costas do Estado, Portos do Estado, o Instituto de Estudos do Territorio e a Federación Galega de Municipios de Provincias, entre outros órganos”, concretou a deputada popular.
REDACTADO DA MAN DA FEGAMP
Por este motivo, Egerique considerou “insostible” a acusación de que o proxecto de lei obvia o papel dos concellos, dado que o proxecto de lei redactouse da man da Fegamp, o máximo órgano representativo das institucións municipais”. “Tamén resultan incoherentes as acusacións relativas a aspectos urbanísticos, xa que neste ámbito o texto foi supervisado tecnicamente polo organismo competente da Xunta de Galicia”, engadiu.
Teresa Egerique explicou que esta nova lei suporá “a creación do marco lexislativo propio de Galicia, necesario para o máximo aproveitamento das potencialidades dos nosos portos, tendo en conta as súas características propias”. Así, manifestou que “poderemos obter o maior rendemento dos nosos recursos, contribuíndo a xeración de riqueza para todos os galegos e mellorando as condicións de vida e traballo dos homes e mulleres do mar”.