O PPdeG pon en valor o esforzo económico realizado tanto polos seus alcaldes como pola Xunta de Galicia á hora de poñer a disposición das familias galegas medidas que favorezan a conciliación e especialmente logo de que o Goberno central recortase o financiamento estatal neste eido.
Así o explicou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha visita ao campamento de verán impulsado polo Concello de Coristanco grazas a unha axuda de 50.000 euros do Goberno galego. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde Juan Carlos García Pose ademais do vicesecretario de Organización do Partido Popular da provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Rubén Lorenzo.
“Se este campamento e tantas outras actividades que se realizan ao abeiro do Plan Corresponsables son posibles, é grazas ao esforzo económico unicamente dos concellos e do Goberno galego”, sinalou denunciando que o Goberno de Sánchez decidiu este ano recortar nun 25% a súa aportación a este plan. Un recorte que, no caso de Galicia, implicou deixar de percibir 2,3 millóns de euros que tiveron que ser asumidos pola Administración autonómica con fondos propios.
Por sorte, engadiu, as familias galegas “poderán seguir contando co apoio da Xunta á hora de conciliar, xa sexa a través dos campamentos de verán ou doutras medidas que fan de Galicia unha Comunidade pioneira neste eido”.
“Lamentablemente, o Goberno de Sánchez segue máis ocupado nos seus propios problemas que en cuestións como a conciliación”, concluíu ao respecto asegurando acto seguido que “Pedro Sánchez só concilia con Ábalos, Santos Cerdán ou o Fiscal Xeral do Estado, ao que un día máis segue sen cesar”. Neste sentido, cualificou de “inaudita” a situación actual de García Ortiz e insistiu en que “ten que marchar xa”.
O CONCELLO QUE MÁIS INVISTE POR HABITANTE DA COMARCA
Paula Prado enmarcou a realización deste campamento de verán no obxectivo que perseguen tanto o alcalde de Coristanco como o resto de rexedores do PPdeG: “Apostar polas persoas, polo seu benestar e pola mellora da súa calidade de vida”.
Non en balde, reivindicou que Coristanco destaca por ser o concello que máis inviste por habitante de toda a comarca de Bergantiños: “Un nivel de investimento que, a pesar de tratarse dun concello rural, o sitúa á altura de grandes cidades”.
O propio alcalde quixo poñer en valor o “intenso” traballo que se leva feito desde o Concello ao longo dos últimos anos e por iso quixo aproveitar esta visita para “dar conta de todo o traballo feito, acreditar os resultados e compartir os desafíos que quedan por diante de cara ao futuro”.