Santiago, 19 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular, Elena Candia, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a execución financeira dos programas de desenvolvemento rural (PDR) alcanza o 70 por cento, unha porcentaxe que se sitúa por enriba da media dos europeos e dos españois, “cando o período de execución poderá chegar ata o ano 2025 logo do prórroga de dous anos aprobada pola Comisión Europea”. Por este motivo, apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a executar o 100 por cento do orzamento dos PDR nos períodos que proceda, co fin de darlle ao rural galego todos os elementos posibles subsistir dignamente e acadar melloras que lle fagan gañar en consideración social.
Elena Candia concretou que os pagos realizados ata a actualidade a través de actuacións financiadas co PDR superan os 630 millóns de euros. “Esta cifra sitúase un punto porcentual por enriba da media de PDR europeos e cerca de 10 puntos porcentuais da media dos PDR en España”, salientou.
PRÓRROGA DE DOUS ANOS
“A día de hoxe, practicamente o total do importe programado no PDR para este período está comprometido en actuacións que se pagarán nos anos 2021 e 2022, logo da execución por parte dos beneficiarios dos proxectos que se están a financiar”, indicou a deputada popular.
Así mesmo, lembrou que, debido ao atraso na posta en marcha do próximo período de programación, a Comisión Europea activou a prórroga do PDR por dous anos máis, “o que permitirá inxectar fondos nos anos 2021-2022 cun período de execución que poderá chegar ata 2025”.
Candia explicou que “cando existen medidas inicialmente programadas que non chegan a convocarse ou que non tiveron a resposta indicada, a propia Comisión Europea permite activar mecanismos de modificación financeira dos PDR para realizar axustes programáticos que se adecúen á demanda e ás necesidades reais”.