Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira acusou hoxe a En Marea de pretender derrogar a lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público “que permitiu facer fronte á crise económica e reducir o déficit público para conseguir unha situación de equilibrio sen menoscabar a prestación dos servizos públicos esenciais”.
Jacobo Moreira lembrou que “En Marea cambiou nun ano a súa posición respecto desta lei, xa que agora están en contra de toda esta norma menos a suspensión do plus dos altos cargos, acordada por un goberno do Partido Popular”. “Entendo que se deron conta que defender que os ex altos cargos sigan cobrando un plus non é propio do pensamento da confluencia”, apuntou.
RECUPERACIÓN PROGRESIVA
“A medida que está a mellorar a situación económica, se van recuperando progresivamente algúns dos aspectos que se viron afectados por esta lei, como a recuperación total das extras de 2012 e 2013, os permisos por asuntos particulares e vacacións en función da antigüidade, e se reanudou o pago do complemento específico nas pagas extras ao conxunto dos empregados públicos da Administración galega”, concretou.
Así mesmo, indicou que “para o resto dos permisos e vacacións, así como sobre as retribucións en todos os supostos de incapacidade temporal, estase a aplicar en Galicia o máximo que permite a normativa básica estatal, ao igual que sucede coa taxa de reposición de efectivos, que na Comunidade galega acada o limite máximo que permite a Lei de orzamentos estatal”.
Respecto da proposición de lei defendida por En Marea, Jacobo Moreira dixo que, “das oito medidas reguladas pola Lei 1/2012, pretenden que a relativa ao plus dos altos cargos siga vixente, outras tres están reguladas por normativa básica do Estado, dúas xa están superadas na práctica; e as outras dúas ata os socialistas están de acordo en que se manteñan”. “En definitiva, nós chegamos a preguntarnos se en En Marea son conscientes do contido da lei que queren derrogar”, dixo.