.
Santiago, 25 de xuño de 2019.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo salientou que a nova lei de ordenación farmacéutica de Galicia, aprobada esta mañá no Pleno do Parlamento, “servirá para dotar ao sector dunha nova regulación máis acorde cos tempos que estamos a vivir e que poida afrontar e dar solución, dunha forma máis eficaz, ás demandas actuais e ás necesidades tanto dos profesionais farmacéuticos como dos usuarios”.
Rodríguez-Vispo considerou “necesario renovar unha normativa que databa de 1999, que aínda non sufrira modificacións e non estaba adaptada ás actuais circunstancias nin tecnolóxicas nin demográficas”.
INTENSO DIÁLOGO
“Algúns dos problemas que se pretenden solucionar con esta nova lei son que a ordenación farmacéutica teña máis vinculación coa ordenación sanitaria xeral, de forma que a prescrición e a dispensación de medicamentos sexa un continuo para os pacientes; e, tendo en conta a crecente despoboación de zonas rurais de Galicia, se estableza un marco regulatorio máis flexible, garantindo que a poboación destas zonas teña acceso aos medicamentos que precisen”, indicou.
A portavoz popular salientou “o intenso diálogo realizado no debate en ponencia e comisión deste novo texto lexislativo para achegar posturas”. En concreto, dixo que “aceptamos ou transaccionamos máis do 40 por cento das propostas do grupo socialista”, pero lamentou que “foi moi difícil achegar posturas co grupo de En Marea xa que moitas das súas emendas pretendían atribuír labores de elaboración e dispensación de fármacos ao propio Estado, é dicir, nacionalizar o sector farmacéutico na súa totalidade”.
Marta Rodríguez-Vispo referiuse ás medidas específicas dirixidas a garantir a atención farmacéutica no eido rural, “dando un paso máis coa previsión de instalación e apertura de boticas anexas naqueles casos nos que, non sendo posible a instalación dunha oficina de farmacia, existan determinadas circunstancias como o afastamento ou a difícil comunicación coa oficina de farmacia máis próxima”.
“O texto normativo introduce outra importante novidade, como que se indique no mapa farmacéutico aquelas oficinas de farmacia que terán vinculada unha botica anexa nos casos de zonas de difícil accesibilidade”, apuntou. Ademais, en materia de traslados, a nova lei incorpora a posibilidade de limitalos cando se aprecie un detrimento grave do servizo farmacéutico na zona en que se localiza a oficina de farmacia, en especial naqueles núcleos nos que soamente existan a oficina de farmacia establecida.
DISPENSACIÓN DE MEDICAMENTOS
Así mesmo, a deputada popular engadiu que a nova lei “introduce por primeira vez na lexislación autonómica a posibilidade de que, excepcionalmente no caso de persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas ou sexan dependentes, poida realizarse a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios por unha das cinco oficinas de farmacia situadas na zona de residencia, ou por expresa decisión do paciente por outra oficina de farmacia da mesma área do punto de atención continuada”.
Na súa intervención no Pleno, Rodríguez-Vispo sinalou que “tamén se incorpora a posibilidade de que se poida realizar a entrega informada no lugar de residencia da persoa usuaria daqueles medicamentos cuxa dispensación estea restrinxida unicamente ao ámbito hospitalario”.
Para rematar, Marta Rodríguez-Vispo considerou “importante que se modifique o cálculo das oficinas de farmacia necesarias por módulo de poboación, garantindo un número suficiente de farmacias acorde coas súas características xeográficas, así como a accesibilidade da poboación á prestación farmacéutica”.