Santiago, 14 de xuño de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a nova Lei de igualdade que a Xunta está a tramitar incorpora un capítulo ao benestar laboral nas organizacións, “co obxectivo de seguir progresando na promoción da igualdade a través de disposicións legais que avancen no benestar laboral, vencelladas coa integración da perspectiva de xénero no teletraballo e co fomento da calidade de emprego feminino, ademais da presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de decisión”.
No debate dunha proposición de lei do Grupo Socialista en materia de igualdade, Paula Prado manifestou que “Galicia non pode dar ningún paso atrás na procura dunha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria para mulleres e homes”, porque lembrou que “Galicia é pioneira na promoción de políticas públicas e no impulso de instrumentos legais innovadores dirixidos á igualdade”.
Así, lembrou que Galicia foi pioneira á hora de eliminar as distintas formas de discriminación por razóns de xénero, para avanzar na supresión dos atrancos que impiden o pleno desenvolvemento das mulleres nas distintas esferas e para combater as diferentes expresións e as novas formas que adopta a violencia de xénero, como pode ser a violencia dixital ou a violencia vicaria.
“Seguiremos impulsando un cambio cultural favorable á igualdade, traballando para a erradicación de estereotipos que sustentan a desigualdade, construíndo entre todos un contexto favorable á harmonización da vida privada e a profesional, e promoveremos unha aposta contundente a favor da corresponsabilidade”, sinalou.
BENESTAR LABORAL
Neste camiño por percorrer, Paula Prado referiuse á nova Lei de igualdade que a Xunta de Galicia está tramitando e que xa superou a fase de consulta pública. En concreto, salientou que esta nova norma destinará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións e “seremos a primeira comunidade en recoller nunha lei os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral e continuaremos co fomento do emprego con axudas á contratación e para a promoción profesional”.
A nova lei incluirá, ademais, un estatuto das mulleres rurais e do mar, co compromiso de defender as súas necesidades nas políticas de emprego autonómicas e unha relación de dereitos e medidas para fomentar o seu asociacionismo.
Paula Prado tamén indicou que “non podemos ser alleos ao debate que está a ter lugar no seo da Unión Europea”. Neste sentido, lembrou que hai poucos días o Consello da UE e o Parlamento Europeo pactaron unha proposta de directiva que establece que as mulleres terán un 40 por cento de presenza nos consellos de administración das empresas cotizadas, polo que considerou que “adiantarnos a esta directiva pode supoñer que acabemos contradicindo o seu contido e, polo tanto, non ser coherentes co que marca Europa”.
Para rematar, a viceportavoz popular subliñou que a Xunta xa está a cumprir estes obxectivos e dixo que nos niveis 30 da escala administrativa o 57,89 por cento dos funcionarios son mulleres, ao tempo que hai consellerías nas que o número de mulleres nos postos de responsabilidade supera do 60 por cento.