As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo subliñaron hoxe a aposta da Xunta de Galicia pola construción de vivenda pública, que na cidade de Vigo se manifesta na construción de 6.200 vivendas nos ámbitos de Navia, o Ofimático e Ramón Nieto.
“O Goberno galego está a cumprir en Vigo o compromiso do Presidente Alfonso Rueda de duplicar a vivenda pública existente ao longo da presente lexislatura, cunha actuación se precedentes que se traduce nas 1.600 vivendas previstas en Navia, as 3.200 no ámbito do Ofimático e as 1.400 vivendas proxectadas en Ramón Nieto”, sinalou Patricia García.
Nunha visita ás promocións de vivendas que a Xunta está a construír en Navia, acompañadas da presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, as deputadas populares destacaron a “clara implicación da Xunta coa construción de vivendas de Navia” e lembraron que os gobernos do PPdeG “promoveron as primeiras vivendas públicas neste barrio, impulsando desde o inicio o seu desenvolvemento residencial e sentando as bases do crecemento posterior da zona”.
O 60% DAS VIVENDAS XA EN CONSTRUCIÓN
Das 1.600 vivendas que na actualidade impulsa a Xunta en Navia, cun investimento total de 248 millóns de euros, 924 xa están en marcha e 134 millóns de euros xa están licitados, “o que pon de manifesto un alto grao de execución e cumprimento dos compromisos adquiridos”.
A estas actuacións en Navia súmanse as 3.200 vivendas previstas no ámbito do Ofimático e as 1.400 proxectadas en Ramón Nieto, configurando a Vigo como unha das cidades con maior impulso de vivenda pública de Galicia. “Un compromiso que contrasta coas palabras baleiras da ministra de Vivenda na súa visita á cidade, vendendo como un gran éxito o prezo de 8,8 euros por metro cadrado das vivendas, cando o prezo medio na cidade xa está moito por baixo”, indicou Patricia García.
“O compromiso da Xunta coa cidade de Vigo non se limita só ao ámbito da vivenda, e para testificalo só temos que botar unha ollada aos seus orzamentos para 2026, nos que se recollen investimentos por máis de 690 millóns de euros destinados a vivenda, educación, sanidade, infraestruturas e servizos públicos”, destacou a deputada Loli Hermelo.
En concreto, Patricia García puxo como exemplo o construción do novo instituto de ensino secundario Domingo Villar, exemplo de arquitectura moderna e da estratexia de modernización pedagóxica da Xunta, aliñada cos novos modelos educativos e coas necesidades reais do alumnado.