Santiago, 9 de febreiro de 2021.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, salientou hoxe no Parlamento que os socialistas “volven chegar tarde coa súa solicitude dun plan de reactivación cultural, porque a Xunta foi a primeira comunidade en poñer en marcha un plan de axudas para os sectores culturais, dotado con máis de 26 millóns de euros, ao que se engadirá un novo plan neste trimestre de 23 millóns de euros con novas medidas que responden ao contexto cambiante e ás necesidades e demandas dos profesionais”.
Ovidio Rodeiro lembrou que o primeiro plan de reactivación da cultura galega xurdiu “nunha situación extraordinaria, de gran descoñecemento e incerteza, na que era preciso dar unha resposta rápida, que contribuíra a paliar as necesidades inmediatas de miles de familias galegas vinculadas ao sector cultural”.
DIÁLOGO INTENSO E CONSTANTE
“Este plan foi froito dun diálogo intenso e constante do Goberno galego cos distintos axentes culturais de Galicia, con medidas agrupadas en distintos eixos de actuación e cos obxectivos de manter o emprego, favorecer o consumo de produtos culturais, impulsar medidas de fomento da creatividade e reforzar as estruturas de programación e distribución”, concretou.
O portavoz popular lembrou a reunión celebrada a pasada fin de semana polo conselleiro de Cultura cos presidentes da Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega na que avanzou a posta en marcha de novos plans de apoio ao sector para o próximo trimestre por un importe de 23 millóns de euros.
“Seguiremos protexendo o emprego cultural, incentivando o consumo e apoiando novos formatos, porque a cultura segue”, subliñou Rodeiro.