Santiago, 11 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe no Parlamento galego que o Plan de saneamento local do concello de Lalín, redactado por Augas de Galicia, contempla a realización de diversas obras que permitirán controlar de xeito efectivo os vertidos que se están realizando aos ríos Deza e Asneiro.
Neste sentido, salientou que os orzamentos da Xunta para 2022 “xa contemplan cerca de un millón de euros para o inicio das obras de construción dun tanque de tormentas en Pontiñas e a mellora dos colectores interceptores, actuación que se prolongará ata 2023 e no que se investirán en total 6,6 millóns de euros”.
José Manuel Balseiro lembrou que o abastecemento, o saneamento e a depuración de augas son competencias municipais, “pero somos conscientes de que son moitos os concellos que teñen dificultades para exercer estas competencias pola súa complicación e custo”.
CONSCIENTE DO PROBLEMA
“O Concello de Lalín é consciente do problema que ten de vertidos aos ríos Deza e Asneiro, así como da dificultade que entraña resolvelo, polo que demandou axuda á Xunta”, manifestou o deputado popular. Deste xeito, dixo que Augas de Galicia redactou o Plan de saneamento local, que supuxo testar en detalle a rede de sumidoiros e identificar as súas deficiencias e necesidades.
“Desta análise concluíuse que unha das primeiras intervencións necesarias é a construción dun tanque de tormentas en Pontiñas, cunha capacidade de 5.000 metros cúbicos; así como a mellora dos colectores interceptores, que permitirá mellorar o funcionamento da rede de saneamento do núcleo urbano de Lalín e reducir o número e volume de vertidos”, explicou Balseiro.
Neste momento, este proxecto está en fase de supervisión e o obxectivo é que as obras se poidan licitar antes de que remate o presente ano 2021, para que se poidan adxudicar no primeiro semestre de 2022.