Os deputados do Grupo Popular Juan Manuel Casares e Víctor Baladrón, acompañados do portavoz do PP en Allariz, José Benito Grande, salientaron hoxe que a Xunta de Galicia investirá o vindeiro ano 1,3 millóns de euros na conservación do patrimonio histórico deste concello ourensá.
En concreto, e dentro do Plan Territorial de sostebilidade turística en vilas termais e cascos históricos, a Xunta destinará un millón de euros á realización de actuacións no casco histórico, espazos patrimoniais e a contorna do río Arnoia no municipio alaricán.
A este orzamento sumaranse outros 250.000 euros dentro do Plan Especial do Casco Histórico e 18.000 euros que se destinarán a traballos de conservación e posta en valor do castro de Armeá.
APOSTA POLA CONSERVACIÓN
“Este investimento directo de cerca de 1,3 millóns de euros do Goberno galego en patrimonio e bens de interese cultural converte a Allariz nun dos concellos máis apoiados pola Xunta de Galicia na realización deste tipo de actuacións”, salientou o deputado popular Víctor Baladrón.
Pola súa banda, Juan Manuel Casares afirmou que “este orzamento demostra non só o compromiso do Goberno galego con este concello ourensán, senón tamén unha aposta pola conservación destas pegadas que a nosa historia deixou no territorio e que constitúen unha parte esencial da nosa identidade cultural como galegos”.