Santiago, 16 de xuño de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe que o Goberno galego está a acometer de xeito paulatino ao longo do presente ano a instalación de salas Gesell nas sete sedes xudiciais das cidades galegas, onde se atopan as subdireccións do Imelga, para cuxa dotación existe un orzamento específico de 150.000 euros.
?️As salas Gesell nos xulgados contarán con novos dispositivos tecnolóxicos e mobiliario amigable, @paulapra2 sinala que a de Ourense é unha realidade, as de Santiago e Lugo están en trámite de execución e a da Cidade da Xustiza de Vigo en canto remate a obra pic.twitter.com/2053HOXQW0
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 16, 2021
Paula Prado lembrou que tanto o vicepresidente primeiro da Xunta, na presentación dos orzamentos do seu departamento para 2021, como o director de Xustiza, na resposta a sendas preguntas do Grupo Popular e o PSdeG no Parlamento galego, anunciaron a dotación de 150.000 euros nos orzamentos deste ano para a instalación de sete salas Gesell nas sedes xudiciais das sete cidades galegas.
Deste xeito, a viceportavoz popular explicou neste momento que a sala Gesell de Ourense está plenamente operativa; habilitáronse os espazos para as salas nas que se atoparían os entrevistados nos edificios xudiciais de Santiago e Lugo; estase a acondicionar o espazo na sala de Pontevedra; e o programa funcional da Cidade da Xustiza de Vigo tamén inclúe a súa instalación, de xeito que será efectiva unha vez conclúa a obra.
Prado manifestou que “o tradicional modelo da sala Gesell atópase superado na actualidade por mor dos avances tecnolóxicos existentes”. Así, e referíndose á análise realizada polo Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica, dixo que se estudaron fórmulas para evitar a confrontación visual, a intervención de expertos, a posibilidade de excluír a presenza das partes no lugar de exploración da vítima ou a posibilidade de que as preguntas se trasladen por medio de expertos.