Santiago, 3 de maio de 2022.- A deputada do Grupo Popular Begoña Freire salientou hoxe no Parlamento galego que “a Xunta está a facer os seus deberes para recuperar a produción marisqueira na ría de Ferrol” e criticou que o Goberno central “non fixo nada do prometido nin acometeu actuación algunha para acadar unha solución, mesmo poñendo trabas legais para o acceso ao cese de actividade”.
Begoña Freire explicou que a Xunta “realiza un seguimento constante das poboacións de moluscos bivalvos de interese comercial da ría de Ferrol e segue a realizar actuacións para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros”. “Ese seguimento é o que permitiu aos técnicos comprobar que a redución do número de exemplares de talle comercial no banco das Pías non era suficiente para comezar a campaña de extracción no mes de abril, decidindo pospoñela ata xuño co obxectivo de preservar, na medida do posible, a presenza de produtores durante a primavera”, engadiu.
MAIOR PRESENZA DE DEPREDADORES
“Todo parece indicar que ese descenso nos exemplares se debe a que as condicións meteorolóxicas e marítimas favoreceron unha maior presenza de depredadores na zona, polo que se van intensificar os traballos de retirada destas especies”, manifestou.
A deputada popular salientou que a Consellería do Mar adoptou desde 2019 distintas medidas para a mellora dos bancos marisqueiros na ría de Ferrol, que contaron cun orzamento de arredor de 800.000 euros “e que fixeron que a ría mostre certos signos de recuperación, como a mellora da taxa de reprodución da ameixa babosa”.
“A Xunta de Galicia vai sempre as xuntanzas da Mesa de traballo da Ría de Ferrol, con estudos realizados e con proposta de medidas e asumiu o coste de varios estudos, mentres o Goberno Central promete e non cumpre, manténdose como mero espectador”, dixo.
Para rematar, Begoña Freire criticou que tanto o BNG como o PSdeG “estean a defender a inacción do Goberno central na ría de Ferrol, derivando cara a Galicia e os ferroláns os custes que debera asumir o Goberno de Pedro Sánchez”.