A deputada popular e portavoz do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, salientou hoxe que a Xunta incrementará en máis de 310.000 euros ata 2028 a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar neste municipio. “Esta é a mellor demostración do interese do Goberno galego porque os nosos maiores e dependentes reciban os mellores servizos, nese caso, ademais, unhas atencións que son de total competencia municipal”, indicou.
Cecilia Vázquez lembrou que esta mesma semana o Presidente da Xunta e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron o acordo a través do que a Administración galega incrementará en 150 millóns ata 2028 a súa aportación para a prestación polos concellos do servizo de axuda no fogar. En concreto, a Xunta aumentará de forma gradual a súa aportación, pasando de 12 a 16 euros por cada hora prestada este mesmo ano, subindo un euro máis por hora para o 2027 e chegando aos 18 euros no 2028.
DE 620.000 A MÁIS DE 930.000 EUROS POR ANO
No caso concreto do concello de Betanzos, o servizo de axuda no fogar prestou durante o pasado ano case 52.000 horas, para as que a Xunta fixo unha aportación de máis de 620.000 euros. “A Xunta pasará a facer unha aportación ao Concello de Betanzos para a prestación do SAF de case 830.000 euros este ano, máis de 880.000 euros en 2027 e superará os 930.000 euros en 2028”, indicou.
“En total, a Xunta incrementará a súa aportación para Betanzos en máis de 310.000 euros, unha cifra que podería ser aínda maior se o Goberno de Pedro Sánchez cumprira o recollido na Lei de dependencia e abonara o 50 por cento que lle corresponde pola atención aos dependentes”, manifestou Cecilia Vázquez.
A deputada popular asegurou que este incremento da aportación realizada pola Xunta “demostra que o Goberno galego está ao carón dos concellos galegos, sobre todo dos máis pequenos, que verán aliviadas as súas contas municipais para a prestación deste servizo tan importante”. Neste sentido, destacou que este aumento “facilitará que máis persoas dependentes poidan seguir vivindo con dignidade no seu propio fogar e co apoio que precisan”.