Santiago, 27 de novembro de 2020.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, salientou hoxe no Parlamento que a Xunta investirá este ano arredor de 162 millóns de euros para atender as demandas derivadas da pandemia sanidade no ensino galego, dos que 94 millóns destinaranse á incorporación de recursos humanos, 43,5 a obras e equipamentos, e os 25 restantes para a mellora dos servizos prestados.
“Agradecemos a transferencia de 93 millóns de euros que recibimos do Estado a través do Fondo Covid-19, pero isto non quere dicir que consideremos que o reparto que se fixo foi discriminatorio e inxusto para Galicia, xa que sisou á nosa comunidade máis de 36 millóns de euros ao non ter en conta as características especial do ensino galego”, sinalou.
Ovidio Rodeiro concretou que “a principal e máis importante medida da Xunta para o desenvolvemento do actual curso, e para que se poida desenvolver coas máximas garantías de seguridade, calidade e equidade, é o reforzo da plantilla do profesorado con arredor de 2.300 novos docentes”. “A prioridade do Goberno galego é apostar polo ensino presencial en todas as etapas educativas”, apuntou.
Así, do conxunto de 2.300 profesores, algo máis de 1.300 destinaranse a atender os desdobramentos e o incremento da oferta en todos os niveis do ensino; e arredor de 1.000 para reforzar, dun xeito específico e exclusivo, a atención aos alumnos máis vulnerables.
“Con este reforzo de docentes dáse resposta á principal demanda da comunidade educativa, aténdese as necesidades de profesorado expostas polos centros e pactadas coa inspección para este curso, e tamén se reforza a formación permanente do profesorado”, explicou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que Galicia á a terceira comunidade autónoma con menor ratio profesor/alumno e a quinta con maior reforzo de contratación de docentes.
OUTROS INVESTIMENTOS
Rodeiro sinalou que, ademais do reforzo de profesorado, os 162 millóns de euros que o Goberno galego destinará para paliar os efectos da Covid-19 nos centros de ensino tamén inclúen partidas significativas para equipamentos informáticos, así como para obras e equipamentos. Ademais, creuse unha reserva de garantía educativa de sete millóns de euros para gastos imprevistos e transferíronse tres millóns de euros ás universidades galegas para facer fronte aos gastos extraordinarios do inicio do curso.
Na súa intervención, o portavoz popular agradeceu a transferencia de 93 millóns de euros procedentes do Fondo Covid-19 feita polo Estado, pero lamentou que “non se tivera en conta o custo efectivo da prestación do servizo educativo en Galicia”. En concreto, Ovidio Rodeiro afirmou que “non se tiveron en conta as características específicas do sistema educativo galego, tanto a súa ruralidade como o impacto do transporte escolar ou os gastos nos comedores escolares”. “O reparto polo Goberno de Pedro Sánchez non tivo en conta estas especificidades e sisou a Galicia arredor de 36 millóns de euros”, sinalou.