Santiago, 16 de outubro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento salientou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia está a traballar no estudo para a solución do problema do marisqueo na Pobra do Caramiñal, que prevé a posible remodelación do acceso ao peirao comercial e ampliación do atraque no porto desta localidade. Esta obra comprendería a substitución parcial do acceso actual por unha solución permeable ás correntes, estudando as diferentes alternativas de solucións construtivas, así como o estudo da ampliación do atraque comercial cara ao interior do porto.
Elena Sánchez incidiu que “estes proxectos deberán avaliarse con moito detalle desde o punto de vista da afección ao hidrodinamismo e repercusións sobre os bancos marisqueiros”.
A prazo de execución dos estudos e a redacción deste proxecto é de 19 meses, e, de levarse adiante, as obras suporían un investimento aproximado superior aos sete millóns de euros.
APROBACIÓN DA PROPOSICIÓN NON DE LEI
Diante desta situación, tendo presente que a Xunta xa está a traballar neste proxecto, o Grupo Popular apoiou a aprobación hoxe na Comisión de Pesca dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a poñer en marcha de inmediato todas as actuacións que sexan precisas para analizar posibles solucións á situación do porto da Pobra pola modificación da dinámica das correntes mariñas, así como a avaliar entre elas a apertura definitiva de varias canles de corrente no peirao comercial, de xeito que favorezan o desenvolvemento do marisco nas concesións de O Areal e Os Raposiños.
Na súa intervención, Elena Sánchez salientou que a situación do estado das augas da ría de Arousa mellorou nos últimos anos. Así, indicou que “cando chegou o PPdeG ao Goberno da Xunta en 2009 había unha soa zona A, mentres que agora hai 6, mentres que se pasou de que 24 por cento das áreas de produción de Galicia estaban situadas na contorna desta ría a 31 na actualidade”.