O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o organismo Augas de Galicia contará en 2025 cun orzamento próximo aos 144 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,7 por cento, para continuar na mellora das augas das rías e ríos galegos, da que se abastecen tamén os fogares, industrias e empresas da Comunidade galega.
“Será un investimento millonario en saneamento e abastecemento distribuído en tres grandes eixos: a construción de infraestruturas, a execución de políticas activas de resposta ante o cambio climático e a formación e divulgación para concienciar sobre unha xestión eficaz da auga desde as nosas casas, como usuarios, ata o xestor profesional”, sinalou Trenor.
Neste sentido, o portavoz popular subliñou que “o 80 por cento das masas de auga que son de competencia autonómica están en bo estado, un dato que contrasta co 56 por cento no que se sitúa a media estatal”. “Este resultado é posible gracias a que Augas de Galicia realiza un importante esforzo inversor en infraestruturas e un traballo de inspección e vixilancia a través dos mecanismos que ostenta e das súas competencias”, explicou.
Gonzalo Trenor referiuse ao Programa de control de vertidos, “a través do que Augas de Galicia realiza un control moi estrito dos vertidos que se producen, especialmente nas rías galegas”. Dotado anualmente con dous millóns de euros, este plan realizou ao longo de 2023 case 10.000 visitas e inspeccións a puntos de vertido, atendendo 635 alertas. Así mesmo, este plan permitiu reducir 36 puntos os vertidos identificados como contaminantes e emendar 650 puntos de vertedura contaminante nas nosas rías.
Por último, o portavoz popular fixo un chamamento ao resto de administracións públicas para que “colaboren e fagan as súas aportacións para a mellora das nosas rías, do mesmo xeito que está a facer a Xunta de Galicia”.