A deputada do Grupo Popular Ethel Vázquez salientou o papel de Galicia como pioneira na atención ás persoas que padecen enfermidades raras, que se traduce na posta en marcha dunha estratexia á que destinará 400 millóns de euros ata 2030. “O obxectivo é reducir nun 30 por cento os prazos de probas diagnósticas e xenéticas, a rehabilitación funcional integral e a ampliación do cribado neonatal de 37 a 49 enfermidades”, manifestou.
Nun encontro mantido en A Coruña con membros da Xunta Directiva e persoal da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Federec), a deputada popular puxo en valor “o firme compromiso e a sensibilidade da Xunta coas persoas e familias afectadas por enfermidades raras, unha realidade que require unha resposta institucional coordinada, próxima e eficaz”.
PAPEL FUNDAMENTAL DAS ENTIDADES
A Estratexia de Enfermidades Raras 2025-2030 impulsada polo Goberno Galego constitúe unha prioridade dentro das súas políticas sanitarias e sociais, cunha vontade clara de avanzar na mellora do diagnóstico precoz, o acceso equitativo aos tratamentos e a atención integral aos pacientes. “Deste xeito, Galicia foi pioneira no impulso de protocolos específicos, na formación dos profesionais sanitarios e no reforzo da coordinación entre niveis asistenciais”, dixo.
Ademais, Ethel Vázquez salientou que a Xunta ten reforzado a colaboración coas entidades do ámbito asociativo, como é o caso de Federec, “que xogan un papel fundamental na visibilización da realidade das enfermidades raras e no acompañamento ás familias”. Neste sentido, apuntou que “este traballo conxunto permitiu deseñar medidas adaptadas ás necesidades reais dos pacientes, sempre desde unha perspectiva humana e de proximidade”.
A deputada popular agradeceu o esforzo que tanto o Goberno galego como a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas están a facer para a atención das persoas con estas doenzas e avanzou que “seguiremos traballando para que Galicia siga sendo un referente na atención ás enfermidades raras, situando sempre as persoas no centro da acción política, porque cada caso conta, cada familia importa e cada paso que damos xuntos é un avance cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e comprometida”.