Santiago, 19 de maio de 2021.- O deputado popular Alberto Pazos subliñou hoxe no Parlamento galego que a Xunta “actuou sempre de conformidade coas directrices establecidas na Estratexia de vacinación Covid-19 en España e demandando as necesidades específicas do sector do mar, que aconsellaban que fose declarado prioritario”. Porén, lamentou que as demandas do Goberno galego para inocular aos profesionais deste sector non foran atendidas ata o pasado 11 de maio, “cando xa se levaban varios días negociando co Instituto Social da Mariña para solucionar o problema de vacinación para este persoal”.
Alberto Pazos lamentou “a insensibilidade amosada polo Goberno de España respecto ao sector do mar desde o comezo da pandemia, un sector que careceu do mínimo apoio pola súa parte pero que non dubidou en declaralo esencial, no seu conxunto e sen ningún tipo de matiz ou distinción”.
A XUNTA, DO LADO DO SECTOR DO MAR
En concreto, referiuse á decisión de obrigar a manter a actividade en subsectores para os que resultaba ruinoso, como o marisqueo; a ausencia total de EPI’s, protocolos de actuación ou test; suspendendo os recoñecementos médicos no Instituto Social da Mariña; ou coa desaparición de facto dos 40 profesionais deste centro durante toda a pandemia.
“Fronte a esta situación, a Xunta sempre estivo ao lado do sector do mar e o fixo sempre actuando en interese dos traballadores, prestando a máxima colaboración a todas as administracións e, desde logo, gardando sempre unha actitude de máxima lealdade ao Goberno de España, non sempre correspondida polos seus representantes en Galicia”, engadiu.
Así, dixo que o Goberno galego elaborou protocolos e recomendacións para o sector, facilitou máis de 50.000 máscaras, promoveu a realización de test por parte dos armadores ou realizou test aos barcos galegos que se atopaban en plena campaña.
SEN REFERENCIA ATA O 11 DE MAIO
Alberto Pazos destacou que a Xunta “tamén amosou a máxima lealdade durante o proceso de vacinación, actuando de conformidade coas directrices establecidas na Estratexia de vacinación Covid-19 en España e reiterando a solicitude para a vacinación dos traballadores do mar”.
Porén, lamentou que ata a última actualización desta Estratexia do pasado 11 de maio non se recolleu referencia algunha á vacinación dos traballadores do mar, cando a Xunta xa estaba a negociar co Instituto Social da Mariña o procedemento que derivou no inicio da vacinación a este persoal durante a pasada semana.