Santiago, 3 de decembro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón, salientou hoxe no Pleno do Parlamento que Galicia “é co 92,7 por cento a comunidade autónoma con maior porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios, o que demostra que se está favorecendo a igualdade de oportunidades”.
Deste xeito, afirmou diante das propostas da oposición que “a politización do ensino non é o camiño”, polo que demandou “políticas educativas consensuadas e estables que permitan formar ao futuro do país na senda da igualdade, da equidade e da inclusión”.
María Antón manifestou que cos datos publicados hoxe do Informe PISA 2018 “o sistema educativo galego sae reforzado, pero recoñecer estes bos datos non quere dicir que sexamos compracentes, porque somos conscientes que queda moito por facer”.
ENFOQUE INTEGRAL
Na súa intervención, Antón explicou que o modelo de Galicia para atender á diversidade “parte dun enfoque integral onde se conxuga a normativa coa innovación educativa, establecendo ferramentas que axuden a mellorar a inclusión; coa formación dos corpos docentes; e coa posta a disposición de máis recursos, tanto materiais como humanos”.
“Neste momento son máis de 3.500 os profesionais especializados en atención á diversidade que traballan no ensino público galego, é dicir, un de cada dez profesionais, unha cifra que supera amplamente os 2.700 que existían hai unha década”, apuntou.
ESTRATEXIA DE INCLUSIÓN
Así mesmo, María Antón reiterou o anuncio da conselleira de Educación de que a Xunta está traballando na Estratexia de Inclusión 2020-2025, que incluirá medidas como a actualización da normativa; favorecer a escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en escolarización combinada; impulsar a especialización dos centros de educación especial; un plan de choque formativo para as persoas especialistas na atención á diversidade; a colaboración coa comunidade educativa e o tecido asociativo para reforzar a cultura inclusiva; ou o fomento do deporte como parte da formación persoal e educativa do alumnado de educación especial.
Finalmente recordou o esforzo da Xunta para a posta en marcha de 16 unidades de atención temperá, que dan servizo en 92 concellos galegos. “A Consellería de Política Social incrementou este ano un 17 por cento, ata os 1,6 millóns de euros, a partida para atención temperá destinada aos concellos, porque consideramos que é unha tarefa de todos e a administración municipal é a que está máis cerca do cidadán”.